José Miñones subliña que o Goberno desplegará nas estradas estatais en Galicia 100 quitaneves e 348 operarios para asegurar a circulación ante a meteoroloxía adversa

16/11/2021

Co obxectivo de “dar seguridade aos usuarios e proporcionar a condución máis cómoda e fluída posible ante posibles condicións meteorolóxicas adversas”

O centro da Gudiña alberga os medios que dan servizo á parte Leste da provincia de Ourense así como á vertente galega do porto da Canda.


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, presentou esta mañá na Gudiña (Ourense) os medios que integran o Plan Invernal na rede de estradas estatais do Estado para a campaña 2021-2022. Un plan, sinalou o delegado, co obxectivo de “dar seguridade aos usuarios e proporcionar a condución máis cómoda e fluída posible ante posibles condicións meteorolóxicas adversas”.

Na visita, o delegado estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; o alcalde da Gudiña, José M. Lago, e o xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Angel G. del Río, ademáis de responsables do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense.

José Miñones destacou o importante despregamento de medios humanos e técnicos nesta campaña, que se estenderá ata o mes de abril. En total, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana dispón xa de 100 camións quitaneves, 3.257.000 litros de salmoira e 20.400 toneladas de sal.

Estes medios materiais son empregados por persoal especializado que, este ano, ascende a 348 persoas das que 186 son condutores especializados en quitaneves; 42, encargados e técnicos; e 120, operarios. A eles poderanse sumar, cando sexa preciso, os 900 axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e o persoal da Dirección Xeral de Tráfico, ou mesmo a Unidade Militar de Emerxencias se fose preciso.

Como novidade este ano incrementarase a colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía: “Queremos aproveitar os avances tecnolóxicos e dispoñer de datos en tempo real que nos permitan prepararnos e adaptar os medios a cada cambio que se produza nun episodio de neves ou nun temporal”, explicou o delegado.

Por último,  José Miñones apelou á prudencia dos conductores galegos para prestar atención ás condicións dos vehículos e adaptar a súa conducción ao clima proprio do inverno en Galicia e ao estado das vías.

Centro de Conservación da Gudiña

O Centro de Conservación da Gudiña alberga os medios que dan servizo á parte Leste da provincia de Ourense así como á vertente galega do porto da Canda.

Para esta área o Ministerio de Transportes dispón 9 camións quitaneves, tres deles aptos para a distribución de salmoira; 3.150 toneladas de sal en almacén e outros tres silos, distribuídos nas estradas deste sector e que teñen capacidades entre 100 e 60 toneladas. Así mesmo, contan cunha planta de salmoira que poden acoller ata 60.000 litros nun depósito e unha provisión de 150 toneladas en Verín.