José Miñones sitúa o compromiso co municipalismo como principal eixe do seu traballo como delegado do Goberno en Galicia

08/04/2021

“O meu obxectivo será darlle sentido ao significado da palabra municipio, para que se faga realidade que vivir nos concellos máis pequenos de Galicia ten que ser un privilexio e non unha condena”, relata

A loita fronte ao terrorismo machista e a mellora das infraestruturas de Galicia son as outras dúas principais liñas de acción

O delegado do Goberno comprométese coa atención das persoas e o pulo ás políticas sociais para non deixar a ninguén atrás

“Con diálogo, consenso, lealdade institucional e tranquilidade, comprométome a dar resposta aos retos de Galicia, cunha comunicación permanente e fluida con todas as administracións”, resume

José Miñones califica como “oportunidade histórica para a transformación” de Galicia a chegada dos 140.000 millóns de euros en seis anos de fondos Next Generation


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, situou hoxe o compromiso co municipalismo como principal eixe do seu traballo. Expresouse así tras tomar posesión do seu cargo na sede da Delegación.

O novo delegado do Goberno prometeu o seu cargo sobre o capítulo segundo da Constitución: Da Administración Local. En concreto, fíxoo sobre o artigo 140, que garante a autonomía dos concellos e a súa personalidade xurídica plena con alcaldes elixidos pola cidadanía.

“Chego con ilusión, moitas ganas, con humildade e cunha enorme responsabilidade. Desde xa imos seguir traballando con total dedicación co obxectivo de facer chegar a todas as galegas e galegos as políticas do Goberno que preside Pedro Sánchez”, avanzou.

José Miñones anticipou unha Delegación do Goberno coas “portas abertas” na que, como sucede na actualidade, “as políticas sociais cobran un maior protagonismo” para non deixar a ninguén atrás. “Nos tempos que nos toca vivir é evidente que a nosa prioridade vai a seguir sendo a atención das persoas. A situación do desemprego, da saúde, das desigualdades... dos servizos sociais. Desde esta Delegación de Goberno daremos un pulo ás políticas sociais”, subliñou.

“Galicia está na axenda do presidente Pedro Sánchez. E con diálogo, consenso, lealdade institucional e tranquilidade, comprométome a dar resposta aos retos de Galicia, cunha comunicación permanente e fluida con todas as administracións”, agregou

Como “defensor do público e do diálogo” destacou a súa vontade de “construír” cunha “continuidade renovada”. “O meu compromiso non é outro que facer avanzar á terra na que nacín, na que me criei, na que crío aos meus fillos e da que me sinto orgulloso”, lembrou.

LIÑAS DE ACCIÓN

José Miñones situou os eixes de acción do seu traballo en cinco ámbitos: o municipalismo, a violencia machista, as infraestruturas, as políticas sociais e o futuro.

“O meu primeiro firme compromiso co municipalismo. A aposta polo contacto directo cos nosos Concellos e a cercanía coa nosa xente. É o meu desexo poder facer chegar a cada rincón da nosa terra as políticas renovadoras do Goberno. Temos en Galicia 313 concellos, dos cales 200 teñen menos de 5.000 habitantes. O meu obxectivo será darlle sentido ao significado da palabra municipio, para que se faga realidade que vivir nestes concellos de Galicia ten que ser un privilexio e non unha condena”, destacou.

Revelou a súa intención de continuar o traballo pola igualdade e fronte ao terrorismo machista e incidiu na importancia da mellora das infraestruturas de Galicia.

Respecto ao futuro, considerou que Galicia ten agora unha importante ocasión. “Estamos ante unha oportunidade histórica para a transformación da nosa Comunidade: a chegada dos fondos Next Generation. 140.000 millóns de euros de inversión en seis anos”, engadiu.

Tras unhas palabras de cariño e agradecemento á súa familia, o delegado do Goberno resumiu cal é a súa idea de traballo: “Paso a paso construiremos un futuro mellor para toda Galicia”, rematou.

Participaron no acto o delegado anterior, Javier Losada; o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e o presidente do TSXG, José María Gómez. Tamén asistiron as subdelegadas do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; Lugo, Isabel Rodríguez e Pontevedra, Maica Larriba e o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, ademais doutros representantes de institucións políticas, civiles e militares de Galicia.