Emilio González informa de que o cumprimento das restricións relativas ao peche perimetral de Galicia e á hostalaría son prioridades das forzas e corpos de seguridade durante a ponte de San Xosé

18/03/2021

Dende o 4 ao 17 de marzo Garda Civil e Policía Nacional realizaron na provincia 816 operativos de control e 405 inspeccións en locais de hostalaría


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu na mañá de hoxe a reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

O subdelegado do Goberno explicou que durante os vindeiros días da ponte de San Xosé as forzas e corpos de seguridade intensificarán os controis para comprobar que se está a respectar o peche perimetral da Comunidade Autónoma, tanto nas principais vías de entrada a Galicia como no resto da provincia.

Así mesmo, lembrouse a prórroga coordinada entre España e Portugal dos controis restablecidos temporalmente na fronteira interior terrestre entre ambos países ata as 00:59 horas do vindeiro día 6 de abril, co obxectivo de facer fronte á situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Os pasos fronteirizos habilitados para as persoas que teñan permitida a entrada a territorio español son o de Verín-Vila Verde da Raia (aberto 24 horas todos os días da semana) e os de Baltar-Montealegre, A Madalena-Ponte da Barca e Manzalvos-Moimenta (abertos de luns a venres de 07:00 a 10:00 e de 18:00 a 21:00).

Na reunión do CECOR tamén se acordou a realización de operativos conxuntos entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a Policía Autonómica e as distintas policías locais para vixiar durante a ponte de San Xosé o cumprimento das medidas na hostalaría, así como das restricións naqueles municipios da provincia que se atopan no nivel máximo (Maside e Vilardevós).

Na xuntanza o subdelegado do Goberno informou de que, dende o pasado día 4 e ata o 17 de marzo, a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 816 operativos de vixilancia na provincia de Ourense. En total, foron identificadas 4.453 persoas, controláronse 3.402 vehículos e formuláronse 261 propostas de sanción. Ademais, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado realizaron na provincia 405 inspeccións a establecementos de hostalaría e elevaron 13 propostas de sanción.

Emilio González destacou o esforzo e o traballo coordinado de todas as forzas e corpos de seguridade para velar polo cumprimento das medidas sanitarias, axudando así á protección da saúde das ourensás e dos ourensáns.

Por último, o subdelegado do Goberno apelou á cidadanía a “seguir actuando con responsabilidade e cumprindo a normativa establecida, xa que aínda que os números son bos, non nos podemos confiar”.