O garda civil Jesús Manuel Serrano recibe a Cruz de Prata ao mérito civil

17/03/2021

A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá o acto de entrega desta distinción, que recoñece o labor desenvolvido polo galardoado na Oficina de Xestión Económica da Garda Civil en Pontevedra a prol da axilización dos pagos a provedores. 

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, entregou esta mañá á Cruz de Prata da Orde do Mérito Civil a Jesús Manuel Serrano Corroto, integrante da Oficina de Xestión Económica da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, en recoñecemento ao seu esforzo continuado por axilizar os procedementos de pago a provedores.

Seguindo as directrices marcadas polo Ministerio de Hacienda e a Lei 25/2013, de 27 de decembro, de impulso da factura electrónica e creación do rexistro contable de facturas no Sector Público, o garda civil Jesús Manuel Serrano Corroto realizou un esforzo continuado para reducir o prazo legal do pago de facturas, conseguindo que a Oficina de Xestión Económica da Comandancia de Pontevedra abone todas elas nun prazo medio de 15 días, a metade do que estipula a devandita lei.

Durante o acto de entrega, Larriba quixo, en primeiro lugar, trasladar os seus parabéns ao condecorado, de quen afirmou “que encarna os principios de boa fe, eficacia e eficiencia que se lle esixen ás Administracións Públicas nas súas actuacións”.

Do mesmo xeito, a subdelegada do Goberno subliñou a importancia da Oficina de Xestión Económica e do labor desenvolvido polo garda Serrano e os restantes integrantes do equipo, xa que “o correcto control contable das facturas permite non só facer un mellor seguimento dos compromisos de pago da Administración, senón tamén levar un mellor control do gasto e déficit públicos, o que redunda nunha maior confianza nas contas públicas”.

Por último, Larriba destacou que esta condecoración é unha distinción ao “traballo diario, incansable e sacrificado sempre dos axentes da Garda Civil. Un traballo que ti e os teus compañeiros e compañeiras de Corpo desenvolvedes de forma discreta pero rigorosa e tenaz para garantir a seguridade da cidadanía de Pontevedra e que fai que os veciños e veciñas desta terra teñan en alta estima e consideración o voso labor”.

“Sodes un orgullo para todas e todos. Esta Cruz é o testemuño dunha vida adicada a servir e protexer aos demais”, salientou a subdelegada do Goberno, que aproveitou a súa intervención para recoñecer tamén o labor que desenvolveu a Garda Civil no último ano, marcado pola crise sanitaria.

Ao acto, celebrado na Subdelegación do Goberno, asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal e Francisco López Peña, delegado de Hacienda en Pontevedra e de quen partiu a proposta de concesión da medalla.