Maica Larriba destaca que os acordos sociais entre Goberno e sindicatos garantiron o escudo social durante a crise sanitaria

11/03/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra participou hoxe no acto de apertura do XIII Congreso Comarcal de UGT de Vigo.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, participou esta mañá no acto de apertura do XIII Congreso Comarcal de UGT de Vigo. Acudiron ao acto o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias, o deputado provincial Santos Héctor e o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez.

Durante a súa intervención, a subdelegada fixo balance dos acordos sociais entre o Goberno e os sindicatos, que “teñen garantido o escudo social na provincia durante a crise sanitaria”. Estas acordos materializáronse na aplicación dos ERTES, que na provincia permitiron aportar 205 millóns de euros en prestacións para os máis de 82.000 traballadores e traballadoras que estiveron acollidos a este tipo de expedientes durante os dez últimos meses. Tal e como explicou Larriba, estes ERTES, ampliados ate o mes de maio, permiten “garantir unha prestación económica aos empregados e empregadas, así como manter o tecido empresarial”.

En total, o volume das prestacións aportadas polo Goberno nos últimos dez meses na provincia, se se teñen en conta non so ás destinadas aos ERTEs, senón tamén ao desemprego, ascende a 459 millóns de euros, indicou a subdelegada.

Alén disto, máis de 12 mil empresas puideron acceder a créditos do  ICO por valor de máis de 1.800 millóns de euros. Neste sentido, Larriba adiantou que “agora está en marcha outra inxección directa de liquidez nun dos sectores que máis está a sufrir as restricións das autoridades sanitarias: once mil millóns de euros para a hostalaría que repartiranse entre axudas directas e créditos”.

A subdelegada subliñou a importancia destas axudas, que manifestan o compromiso do Goberno “para evitar que esta crise non sexa padecida pola clase traballadora en exclusiva”

Larriba destacou ademais, “como unha peza fundamental de todas estas medidas”, a participación e responsabilidade das centrais sindicais, aínda que, segundo sinalou,“tamén se deron algunhas actuacións irresponsables dalgún sindicato que prefire ser unha correa de transmisión das campañas da patronal co único fin de desgastar ao Goberno”.

Neste sentido, a subdelegada remarcou que “este Goberno sempre está aberto á negociación dentro da responsabilidade e o compromiso de acadar un futuro no que ninguén quede atrás”.

Así mesmo, Larriba quixo adicar unhas palabras ás mulleres presentes no acto, xa que ao longo de todo o ano sufriron en especial a pandemia, “loitando, moitas veces en primeira liña por pertencer a esas profesións máis feminizadas que tiveron que facer fronte aos efectos da COVID-19”. A subdelegada recoñeceu así o labor de “todas as traballadoras sanitarias e aquelas que se adican aos coidados dos nosos maiores, os nosos nenos e nenas e/ou ao coidado das persoas máis desfavorecidas”.

Por último, Larriba rematou desexando o maior dos éxitos á nova executiva que sairá deste Congreso “que será boa para os traballadores e traballadoras da bisbarra de Vigo”.