A Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 816 inspeccións en locais de hostalaría da provincia de Lugo desde o venres en cumprimento da normativa sanitaria

10/03/2021

 A subdelegada do Goberno informa do traballo realizado polas forzas e corpos de seguridade do Estado que, xunto coa Policía Local e a Policía Autonómica, velan polo cumprimento das restricións establecidas pola Xunta para frear a pandemia
 Nos últimos cinco días, a Policía Nacional e a Garda Civil tamén realizaron na provincia 639 controis, nos que identificaron 11.197 persoas, controlaron 8.590 vehículos, formularon 148 propostas de sanción e detiveron 1 persoa


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que fai seguimento do dispositivo de seguridade encargado de garantir o cumprimento da normativa ditada pola Xunta para frear a pandemia da COVID-19. A xuntanza celebrouse a última hora da mañá, por vía telemática, e contou coa participación dos mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica, a Policía Local de Lugo, Protección Civil, así como de representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

 

Na reunión avaliouse o traballo realizado polo dispositivo de seguridade posto en marcha na provincia, no que colaboran Garda Civil, Policía Nacional, Policía Local e Policía Autonómica, que, atendendo as prioridades da Xunta, fai especial seguimento do cumprimento das directrices marcadas polas autoridades sanitarias no Plan de Hostalaría Segura.

 

Isabel Rodríguez informou de que nos últimos cinco días a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia 816 inspeccións a establecementos de hostalaría.

 

Ademais, desde o venres, día 5, cando se celebrou a anterior xuntanza do CECOR, as forzas de seguridade do Estado efecturaron 639 controis que contaron coa participación de 985 axentes. En total durante estes días a Policía Nacional e a Garda Civil identificaron 11.197 persoas, controlaron 8.590 vehículos, formularon 148 propostas de sanción e detiveron 1 persoa.

 

A subdelegada do Goberno reiterou o seu agradecemento polo esforzo que están a realizar as forzas e corpos de seguridade para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias co que axudan a protexer a saúde dos lucenses evitando a propagación da pandemia na nosa provincia.