José Miñones informa de que o Goberno destina 900.902 € do Plan de Recuperación para fomentar a bioseguridade no transporte de gando e nos viveiros agrícolas de Galicia

12/11/2021

Apuntou que as axudas serán convocadas pola Xunta con esta aportación estatal e que se repetirán nos vindeiros dous exercicios

Explica que forma parte do Plan de Impulso á Sostibilidade e Competitividade da Agricultura e Gandeiría

Promoverán a posta en marcha de novas infraestruturas e técnicas para evitar a aparición de enfermidades e a súa propagación a outras explotacións

Entre outras actuacións, o delegado destaca que se inclúe a automatización no transporte de gando ou a termoterapia nos viveiros de vide


O delegado do Goberno, José Miñones, José Miñones informa de que o Goberno destina este ano 900.902,88 € do Plan de Recuperación para fomentar a bioseguridade no transporte de gando e nos viveiros agrícolas de Galicia. Esta achega foi aprobada polo Consello de Ministros do pasado día 2 e pola Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural e será transferida á Xunta para que esta poida convocar con ela as axudas correspondentes a productores agrícolas e gandeiros.

A cantidade forma parte do Compoñente 3  do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que está centrado na transformación ambiental e dixital do sector agroalimentario e pesqueiro, que xestiona o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. José Miñones detallou este é o primeio reparto dos tres que efectuará o Goberno nesta materia ata o ano 2023, data de vixencia dos fondos de recuperación.

Investimentos en centros de transporte e viveiros

A bioseguridade refírese, en sentido amplo, ao conxunto de medidas, tanto de infraestrutura como de prácticas de manexo, que se activan para evitar ou reducir o risco de entrada de enfermidades infecto-contaxiosas e  parasitarias, e a súa posterior difusión dentro dunha explotación ou cara a outras explotacións gandeiras.

O importe achegado polo Ministerio para bioseguridade en Galicia contempla dúas liñas de investimentos, entre os que se reparten a totalidade de fondos:

-          En materia de sanidade animal, para a mellora de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, a través de melloras tecnolóxicas como a automatización, a robotización, a instalación de novos sistemas para a limpeza e desinfección, ou a construción de novos centros. Esta liña recibe 490.324,80 euros.

-          En materia de sanidade vexetal, incentívanse os investimentos que realicen os produtores de materiais vexetais de reprodución destinadas a instalacións de protección de viveiros fronte a insectos  vectores de pragas  cuarentenarias máis importantes pola súa incidencia económica na produción agrícola. Tamén se incentivará a instalación de equipos de tratamentos mediante termoterapia en viveiros de vide. Esta liña recibe 410.578,08 euros.