José Miñones anuncia que o Goberno compromete 558 M€ para consolidar Monforte de Lemos como nó de comunicacións e motor económico da provincia de Lugo e de Galicia

27/10/2021

Apunta que Monforte é protagonista do maior investimento do Goberno en Galicia con 546 millóns de euros para a modernización da liña de tren Ourense-Lugo

Supervisa o resultado da restauración das pinturas murais e retablos da igrexa do Mosteiro de San Vicente do Pino, que concluíu en setembro o Ministerio de Cultura e Deporte

Monforte poderá beneficiarse dos 6,4 M€ que concede o Goberno para desenvolvemento sostible nos municipios das reservas das biosfera de Galicia, unha vez a Ribeira Sacra acadou esta figura de protección

O Goberno destina preto de 5 millóns de euros para a mellora ambiental do municipio e potencia os servizos públicos coa reforma da oficina de Seguridade Social e a futura Comisaría de Policía


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, repasou hoxe os compromisos do Executivo con Monforte de Lemos, con actuacións que superan os 558 millóns de euros, para consolidar o papel deste concello como “nó de comunicacións e motor da economía da provincia de Lugo e de Galicia”.

José Miñones desprazouse á capital da comarca de Terra de Lemos acompañado da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez. Alí foron recibidos polo alcalde de Monforte, José Tomé, con quen supervisaron o estado dos proxectos e investimentos do Estado en Monforte.

O delegado apuntou que “o Goberno responde á relevancia de Monforte cuns investimentos que están á altura do concello”. E destacou que Monforte “é agora protagonista do maior investimento do Goberno en Galicia tras finalizar a construción da Alta Velocidade” con 546 millóns de euros para a modernización do corredor ferroviario entre Ourense e Lugo. Adif executará nos próximos tres anos 71 contratos para poñer ao día a liña e conectala coa alta velocidade que pasará por Ourense. “Nestes momentos xa se atopan en execución a renovación da vía entre Monforte de Lemos e Lugo e o túnel de Oural, que suman máis de 80 millóns de euros”.

Dentro deste proxecto, José Miñones lembrou que esta semana Adif adxudicou a adecuación da estación de tren de Monforte ás novas condicións do corredor. E engadiu que son “3 millóns de euros para a renovación completa deste equipamento” aos que haberá que sumar os 6 millóns previstos para a supresión dos primeiros pasos a nivel do municipio, que configurarán un novo espazo urbano nesta área de Monforte.

Igrexa do Mosteiro de San Vicente

O delegado do Goberno, o alcalde e a subdelegada do Goberno desprazáronse ata a o Mosteiro de San Vicente do Pino para supervisar os traballos de restauración executados polo Ministerio de Cultura na igrexa deste conxunto monumental.

En concreto, a Dirección Xeral de Belas Artes, a través do Instituto do Patrimonio Cultural de España, investiu 534.148 euros para a conservación e restauración das pinturas e retablos desta igrexa. A actuación rematou este pasado mes setembro.

Reserva da biosfera da Ribeira Sacra

José Miñones apuntou que este ano o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destina 6,4 millóns de euros para financiar proxectos de desenvolvemento sostible nas Reservas da Biosfera, e que Monforte de Lemos poderá beneficiarse deles unha vez que a Ribeira Sacra accedeu en setembro a esta figura de protección. Este compromiso traducirase en iniciativas enfocadas cara o emprego verde e asentadas no territorio, co que se obterá tamén un efecto positivo sobre a poboación asentada neste espazo.

Investimentos en sostibilidade ambiental

O delegado apuntou que a mellora ambiental e da calidade de vida da poboación de Monforte de Lemos recibe preto de 5 millóns de euros do Goberno de España. En concreto, Monforte beneficiouse de 2,8 millóns de euros das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica cos que está abordando a renovación da iluminación pública. Este investimento permite ao Concello substituír máis de 5.000 puntos de luz por puntos LED co que consigue un importante aforro en consumo de electricidade e, ao tempo, unha diminución das emisións á atmosfera derivadas deste consumo.

Xunto á eficiencia enerxética, o Goberno, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, está abordando co Concello a renovación do saneamento e depuración das augas. Tras a execución da primeira fase, ambas administracións abordan xa a segunda, para a que a CH Miño-Sil comprometeu 1,9 millóns de euros e a tramitación dos contratos. “Nestes momentos xa estamos a traballar para definir as necesidades e redactar o proxecto, paso previo á súa licitación”, indicou o delegado. 

Servizos Públicos

O delegado do Goberno insistiu na necesidade de dotar as poboacións das vilas de servizos públicos de calidade. Dentro desta liña, está a renovación completa da oficina da Seguridade Social, “unha actuación moi necesaria dado o estado actual do inmoble e que beneficiará as 55.000 persoas que atende esta sede”. E engadiu que e obra está xa en contratación por un importe de 545.000 euros.

Neste bloque, os responsables estatais e local analizaron a dotación dunha nova comisaría de Policía.  Sobre esta necesidade, o delegado apuntou que tras a cesión dun edificio polo Concello: “Xa estamos a redactar o proxecto de adaptación do edificio ás necesidades policiais”, engadiu.