José Miñones destaca que as 190.000 pequenas e medianas empresas de Galicia constitúen o centro do Plan de Recuperación do Goberno na Comunidade

23/10/2021

Só o compoñente de “Impulso á Peme” conta cun orzamento de 4.894 millóns de euros en tres anos

Apunta que están en marcha as primeiras convocatorias do sector que poñen á súa disposición 70 millóns de euros para mellora da competitividade e a modernización do parque de maquinaria

Lembra que o Goberno apostou na crise polo mantemento do emprego e da liquidez das empresas con 652 millóns de euros para ERTEs en Galicia e avais por valor de 6.300 millóns a empresas da comunidade

O delegado do Goberno asiste en Vimianzo ao encontro anual do grupo BNI Costa da Morte, que aglutina a máis dun centenar de pemes da provincia


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe ante empresarios da provincia da Coruña o papel central que teñen as pemes no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno. No encontro anual do grupo BNI Costa da Morte, en Vimianzo, o delegado remarcou o protagonismo que dá o Goberno de Pedro Sánchez ás pemes con medidas específicas en 17 dos 30 compoñentes do Plan e cun apartado propio de impulso dotado con 4.894 millóns de euros.

José Miñones trasladou aos empresarios participantes desta rede as tres vías que contempla o Plan para facer chegar os fondos do Mecanismo de Recuperación as “máis de 190.000 pequenas e medianas empresas de Galicia, a meirande parte do tecido empresarial do noso país”.

A primeira vía é a convocatoria de axudas por parte dos Ministerios. Detallou que xa están abertas dúas liñas para pemes dotadas con 70 millóns de euros para a modernización do parque de maquinaria-ferramenta e a creación de Agrupacións Empresariais Innovadoras co obxectivo de mellorar a competitividade destas empresas.

A segunda vía de apoio vén da participación das pemes na execución dos proxectos subvencionados por outras convocatorias. É dicir, no impacto positivo da materialización do Plan en demanda de servizos e productos que ofrecen estas empresas. Por último, o Plan de Recuperación conleva unha importante reforma das Administracións Públicas e da normativa, que facilitará e axilizará a relación das empresas coas administracións posibilitando a execución dos fondos en tempo e en forma.

José Miñones aproveitou esta explicación para invitar aos empresarios e empresarias que forman parte do grupo BNI Costa da Morte a participar activamente neste proceso. E recoñeceu a relevancia deste grupo, que aglutina a máis de 100 empresas da provincia, e que mobilizou en 2020 máis de 5 millóns de euros, convertíndose no primeiro de España en facturación.

Medidas ante a pandemia

O delegado do Goberno falou do esforzo dos empresarios e empresarias para manter a actividade durante os momentos máis difíciles da crise derivada da pandemia da COVID-19, uns meses “nos que non se arredaron ante as dificultades e nos que foron quen de aproveitar algo que temos tan interiorizado como que a unión fai a forza”.

Neste camiño, apuntou José Miñones, o Goberno apoiou a través diversos mecanismos de apoio á liquidez empresarial, coas liñas de financiamento COVID, e de mantemento do emprego mediante os ERTEs extraordinarios.

De feito, dende abril do ano pasado ata este mes de setembro, o Goberno destinou máis de 652 millóns de euros en Galicia para abonar os ERTEs, “para que 210.000  galegos e galegas puideran manter os seus postos de traballo e miles de empresarios e empresarias, os seus negocios”, engadiu o delegado.

Xunto cos ERTES, a segunda medida con maior impacto económico da pandemia foron as liñas de apoio financeiro, sobre todo as liñas ICO. Neste concepto, 37.600 empresas de Galicia beneficiáronse desta liña de liquidez COVID mediante preto de 61.000 operacións. O delegado destacou que este apoio traduciuse no acceso a 5.800 millóns de euros de liquidez “aos que se engaden 512 millóns da liña máis recente de Investimento e Actividade COVID ata sumar mais de 6.300 millóns de euros nestes meses”.