Isabel Rodríguez alerta de que este ano rexistráronse na provincia 344 denuncias por violencia de xénero

29/09/2021

A subdelegada asegura que a violencia de xénero segue a ser un dos máis graves problemas sociais a pesar da tendencia a baixa na cifra de denuncias

“A magnitude desta lacra non se mide en números senón no sufrimento das vítimas”, di Rodríguez

O sistema Viogen ten rexistrados 599 casos activos na provincia de Lugo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, alertou hoxe de que no que vai de ano rexistráronse 344 denuncias por violencia de xénero na provincia de Lugo segundo os rexistros da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno.

 

Isabel Rodríguez explicou que “aínda que ata o momento observamos unha tendencia á baixa na cifra de denuncias, xa que no ano 2020 rexistráronse 682 e en 2019 foron 753, este segue a ser un dos problemas máis graves aos que nos enfrontamos porque a súa magnitude non é cuestión de números senón do sufrimento das vítimas da violencia machista”.

 

A situación da violencia de xénero na provincia analizouse hoxe nunha xuntanza que celebrou a Comisión técnica de coordinación en materia de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno. Na reunión participaron, ademais da xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller, María Luis Castro, representantes da Policía Nacional, a Garda Civil, a Policía Autonómica e Institucións Penitenciarias.

 

Segundo se informou na xuntanza, a data 27 de setembro, estaban rexistrados 599 casos activos no sistema Viogen correspondentes á provincia de Lugo dos que 1 ten a valoración de risco alto, 75 medio, 244 baixo e 279 non apreciado.

 

En canto a recursos para a protección das vítimas, 30 dispoñen do servizo de atención telefónica Atempro e 24 do dispositivo de protección COMETA.