A Subdelegación do Goberno en Ourense informa dos avances na dotación do Complexo Cultural de San Francisco

A Subdelegación do Goberno en Ourense informa dos avances na dotación do Complexo Cultural de San Francisco

16/06/2020

O Ministerio de Cultura e Deporte licita o equipamento expositivo da nova sede do Arquivo Histórico Provincial

O orzamento ascende a 217.675,93 euros (impostos engadidos)


A Subdelegación do Goberno en Ourense informa dos avances na dotación do Complexo Cultural de San Francisco co inicio formal do procedemento de licitación do equipamento expositivo da nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o anuncio desta contratación, responsabilidade da Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos de Cultura (Ministerio de Cultura e Deporte), para a que destina un orzamento total de 217.675,93 euros (IVE engadido) e un prazo de execución de catro meses. As ofertas poderán presentarse ata o próximo 15 de xullo.

Os espazos obxecto desta licitación son a sala capitular do convento de San Francisco, e o antigo refectorio, que se dedican agora a usos expositivos no proxecto de rehabilitación do convento como nova sede do Arquivo Histórico Provincial. O contrato inclúe a construción e instalación, así como a impartición  dun breve curso de formación sobre o funcionamento e o mantemento dos equipamentos e a infraestrutura instalada.

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense, na súa dobre vertente de arquivo  histórico e intermedio, custodia fondos de moi diversa procedencia, constituíndo  unha fonte especialmente relevante para o estudo da historia desde o século XII ata os nosos días. Entre os máis de 4.000 metros lineais de documentación que garda, destaca a riqueza dos fondos medievais, con testemuños documentais que se remontan ao século X, o cal o converte nunha singularidade no Estado Español respecto ao conxunto de arquivos históricos provinciais.

CONTIDO EXPOSITIVO E PROXECTO MUSEOGRÁFICO

Os contidos para expoñer son sobre dous temas: por unha banda, os documentos históricos custodiados no Arquivo e, por outra, a historia do propio convento de San Francisco (declarado Ben de Interese Cultural). Os fondos do arquivo inclúen unha  ampla variedade de documentos históricos, dos cales o propio Arquivo Histórico  realizou unha selección dos máis valiosos e que deben ser divulgados.

O equipamento para expoñer estes contidos inclúe o mobiliario (vitrinas e expositores), os soportes  para  paneis  expositivos  de cartelería, paneis  retroiluminados, equipos audiovisuais e de iluminación especificamente desenvolvidos para a exposición. Inclúese, ademais, a elaboración do material  audiovisual (produción de vídeo, deseño gráfico de cartelería, paneis e  textos, e impresión sobre os distintos soportes–vinilos,  composites, vidros, etc.) a expoñer sobre paneis (cartelería) e en medios audiovisuais (vídeos e imaxes).