Maica Larriba coordina as medidas de seguridade para a nova tempada de verán en Sanxenxo

Maica  Larriba coordina as medidas de seguridade para a nova tempada de verán en Sanxenxo

16/06/2020

Tanto o alcalde, Telmo Martín, como a propia subdelegada do Goberno coincidiron na necesidade de dar unha imaxe de destino turístico seguro que garanta a recuperación económica e social da localidade e a provincia


Durante esta  mañá, a subdelegada  do  Goberno en Pontevedra,   Maica   Larriba, presidiu xunto ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a Xunta Local de Seguridade que, de forma telemática, centrouse na coordinación de todas as medidas necesarias que garantan unha tempada de verán segura en todos os aspectos, tanto sociais como sanitarios. Hai que lembrar que durante estes meses de verán, Sanxenxo convértese na terceira cidade galega en canto ao aumento de poboación local. Para a coordinación de todos estes aspectos tamén estiveron presentes o Coronel Xefe da  Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón  Venzal e mandos da Policía Local.

A subdelegada do Goberno garantiu a máxima colaboración dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para que se desenvolva con total seguridade esta nova campaña estival, tan importante para toda a provincia. Para iso, Larriba quixo reclamar “a máxima pedagoxía coa cidadanía no uso dos espazos públicos e cos propietarios dos establecementos hostaleiros, quen ten que avalar a aplicación dos criterios de seguridade tanto en terrazas como nos servizos interiores recomendados polas autoridades sanitarias para previr rebrotes na nosa contorna”.

En relación a isto, Telmo Martín quixo manifestar que Sanxenxo sempre foi un lugar de acollida para todos aqueles que queren vir pasar as súas vacacións e que sempre son benvidos, unha actitude que debe servir para combater certas fobias cara á chegada de residentes doutras comunidades como a madrileña. Respecto diso,  Maica  Larriba coincide co alcalde en que “especialmente este ano é importante dar unha imaxe de destino seguro para todos, de forma que Sanxenxo siga sendo o lugar tranquilo e perfecto para gozar dunha estancia extraordinaria tal como quedou sempre demostrado en toda a nosa provincia”.

Por outra banda,  fíxose balance dos datos acumulados desde o mes de xaneiro respecto ao número de infraccións tanto penais como administrativas que se produciron na localidade. Hai que destacar que Sanxenxo segue mantendo unha diminución porcentual do 1% no acumulado deste primeiros seis meses do ano con respecto a 2019, unha tendencia que se mantén desde 2018 cunha baixada acumulada nestes dous últimos anos do 7%. En canto aos niveis de esclarecemento de policial seguen os mesmos niveis que o ano pasado entre os meses de xaneiro e maio.

Con todo hai que destacar que en canto a infraccións administrativas produciuse un incremento respecto ao ano pasado dun 150%, unha desviación motivada polas ordes de confinamento durante o estado de alarma e que provocaron un aumento no acumulado semestral.