Máis de dez mil autónomos e autónomas na provincia de Ourense percibiron 18,7 millóns de euros derivados da prestación extraordinaria aprobada polo Goberno central

Máis de dez mil autónomos e autónomas na provincia de Ourense percibiron 18,7 millóns de euros derivados da prestación extraordinaria aprobada polo Goberno central

10/06/2020

Esta medida implica a exoneración de cotas á Seguridade Social de forma temporal e unha prestación equivalente ao 70% da base reguladora.

A nómina de medidas de protección que recibiron persoas traballadoras en Ourense suma uns 65,7 millóns de euros dende o comezo da pandemia do COVID-19.

O subdelegado do Goberno sinala o compromiso do Goberno central co mantemento do emprego a través da creación dunha rede de seguridade para todos os sectores produtivos.


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, mantivo durante esta mañá un encontro coa Directora Provincial do INSS e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Rocío de Frutos, no que analizaron as medidas de apoio aos autónomos adoptadas polo Executivo para facer fronte á crise provocada polo COVID-19.

A prestación extraordinaria para autónomos foi aprobada no Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, trala declaración do estado de alarma. A súa contía equivale, como mínimo, ao 70% da base reguladora e conleva a exoneración de cotas á Seguridade Social de forma temporal. O seu obxectivo é protexer a falta ou diminución considerable de ingresos dos autónomos e autónomas na situación excepcional provocada polo COVID-19 e contribuír á supervivencia do seu negocio.

Na provincia de Ourense 10.099 autónomos e autónomas teñen esta prestación concedida, o que equivale ao 98,3% dos traballadores por conta propia que a solicitaron. Dende o comezo da crise sanitaria o pago desta prestación extraordinaria na provincia ascendeu a máis de 18,7 millóns de euros.

O subdelegado do Goberno valorou de forma moi positiva esta prestación extraordinaria que “supón un apoio a sectores como o comercio ou a hostalería que están sufrindo con maior dureza as consecuencias ocasionadas polo COVID-19”.

Así mesmo, o subdelegado do Goberno sinalou que dende o comezo da crise sanitaria o pago das prestacións por ERTEs e por desemprego na provincia de Ourense ascendeu a 47 millóns de euros. Isto supuxo que máis de 21.000 traballadores e traballadoras da provincia de Ourense percibiran 34 millóns de euros nos meses de abril e de maio pola prestación especial por ERTES.

Emilio González subliñou que a nómina de medidas de protección que recibiron persoas traballadoras da provincia de Ourense suma uns 65,7 millóns de euros dende o comezo da pandemia do COVID-19.

O subdelegado do Goberno fixo fincapé en que tanto a prestación extraordinaria para autónomos como os ERTES vinculados ao COVID-19 “supoñen un esforzo sen precedentes no noso país e un piar básico para protexer o tecido empresarial, social e económico da nosa provincia”. Emilio González lembrou o compromiso do Goberno central co mantemento do emprego e sinalou que se traballa dende o primeiro momento para crear unha rede de seguridade para todos os sectores produtivos. Así mesmo, recoñeceu e agradeceu o esforzo realizado polo persoal da Administración Xeral do Estado para tramitar todas as prestacións “coa maior celeridade posible”.