Isabel Rodríguez anuncia a colaboración do Ministerio de Transportes co Concello de Viveiro para a desinfección do viario público

Isabel Rodríguez anuncia a colaboración do Ministerio de Transportes co Concello de Viveiro para a desinfección do viario público

27/04/2020


A subdelegada explica que Transportes e o Concello farán labores de desinfección hoxe en rúas e estradas do municipio

Viveiro é o primeiro Concello da provincia que pide a colaboración destes medios que a Subdelegación do Goberno puxo a disposición dos principais municipios da provincia

Medios do parque móbil de Transportes xa realizaron labores de desinfección en instalacións da Garda Civil de Lugo e Monforte


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vai colaborar hoxe na realización de labores de desinfección no concello de Viveiro.

Isabel Rodríguez explicou que Transportes puxo a disposición do Concello de Viveiro medios humanos e materiais para levar a cabo tarefas de desinfección no viario público.

Para realizar estes labores empregarase un dos camións que se usan para esparexer salmoira pertencente ao parque móbil da Unidade de Estradas do Estado na provincia, con capacidade para regar o viario con 6.000 litros de desinfectante.  A actuación realizarase en coordinación con Protección Civil e a Policía Local de Viveiro.

Os traballos  de desinfección realizaranse a última hora da tarde en rúas e estradas do termo municipal en cumprimento da planificación feita polo Concello de Viveiro. Concretamente, está previsto que o vehículo faga un percorrido polas estradas LU-540 e LU-862 así como polas principais rúas do casco urbano.

O Concello de Viveiro é o primeiro da provincia en requirir a colaboración do Ministerio de Transportes para a desinfección do viario público.

Con anterioridade, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana  xa colaborara na realización deste tipo de labores preventivas en dúas instalacións da Garda Civil na provincia. Concretamente,Transportes facilitou medios humanos e materiais para a desinfección que se levou a cabo, o pasado día 22, nos recintos da Comandancia da Garda Civil, en Lugo, e no Cuartel de Monforte de Lemos.