Isabel Rodríguez anuncia que o Goberno financia o acondicionamento dun aparcamento en Mondoñedo

Isabel Rodríguez anuncia que o Goberno financia o acondicionamento dun aparcamento en Mondoñedo

02/04/2020


A subdelegada explicou que o Ministerio de Transportes investirá máis de 128.000 euros na execución dos traballos para acondicionar tres parcelas como estacionamento de vehículos coa finalidade de evitar que aparquen nas rúas do Conxunto Histórico

A subdelegada comunicoullo esta mañá ao alcalde de Mondoñedo


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que o  Ministerio de Transportes, a través da Dirección Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, financia o acondicionamento dun aparcamento público en Mondoñedo.

Isabel Rodríguez destacou que “este é un bo exemplo da colaboración e lealdade institucional do Goberno de Pedro Sánchez, que dá prioridade ao interese público por riba de calquera outra consideración”. A subdelegada explicou que “o Ministerio de Transportes investirá 128.120 euros (IVE incluído) neste proxecto promovido polo Concello de Mondoñedo tal como lle comuniquei ao alcalde, ao que chamei esta mañá”.

O Ministerio de Transportes adxudicou a obra á empresa Proyecon Galicia SA, que foi seleccionada entre as 5 ofertas presentadas, e xa formalizou o contrato, tal e como publica hoxe o Boletín Oficial do Estado.

A obra consistirá no acondicionamento de tres parcelas situadas na travesía Casas Novas  para habilitar una zona de estacionamento de vehículos nas inmediacións do Caso Histórico de Mondoñedo. O proxecto ten por obxecto facilitar unha alternativa de aparcamento próxima ao centro para evitar que os vehículos aparquen nas rúas do Conxunto Histórico mindoniense.

A intervención farase co menor impacto visual posible e inclúe o axardinamento e plantación dos espazos libres con especies de árbores autóctonas, así como a instalación de alumeado público e recollida de pluviais. Tamén inclúe a instalación de sinalización vertical de información, desde os accesos á cidade ata o aparcamento, así como de regulación da circulación no interior do mesmo, que será nunha única dirección.