José Miñones sitúa a recuperación dun edificio histórico como nova sede do Instituto Nacional de Estatística como exemplo da aposta do Goberno polo impulso de Lugo

03/11/2021

Os Orzamentos e o Plan de Recuperación buscan afrontar o reto demográfico e frear a continua perda de poboación da provincia de Lugo

José Miñones certifica o compromiso do Goberno co patrimonio e os servizos públicos para a cidadanía lucense

A nova sede do INE chega cunha inversión de 4,2 millóns de euros e un aforro anual dende agora de 100.000 euros

O Goberno xa ten comprometidos para Galicia un mínimo de 220 millóns de euros para rehabilitación e rexeneración urbana


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, situou hoxe a recuperación dun edificio histórico de Lugo como nova sede do Instituto Nacional de Estatística (INE) como exemplo da aposta do Goberno por impulsar proxectos para Lugo. Explicouno no restaurado edificio do antigo Sanatorio Portela acompañado pola subdelegada provincial, Isabel Rodríguez, a alcaldesa, Lara Méndez, e o director provincial do propio INE, José Manuel Colmenero.

“Estamos diante dun bo símbolo da aposta que fai este Goberno por Lugo, polo futuro do seu patrimonio e dos seus servizos públicos, que tamén se reflicte nos Orzamentos e no Plan de Recuperación”, afirmou.

José Miñones destacou a actuación para recuperar o patrimonio arquitectónico da man do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e da súa titular, a vicepresidenta primeira Nadia Calviño. Nese senso, lembrou que o Goberno “fai tamén unha clara aposta pola rehabilitación do patrimonio e dos espazos públicos, do que este inmoble é un elemento notable”.

“O Goberno xa ten comprometidos para Galicia un mínimo de 220 millóns de euros para rehabilitación e rexeneración urbana dentro do Plan de Recuperación, máis de 27 deles destinados á rehabilitación de edificios públicos pertencentes á Xunta aos que se sumarán os proxectos que acheguen concellos e deputacións”, engadiu. A estes fondos hai que sumar a nova transferencia de 67 millóns de euros á Xunta para rehabilitar vivendas e barrios.

O obxectivo é que as cidades e vilas galegas “aproveiten e poñan en valor todo o seu patrimonio porque é unha herdanza que non se debe dilapidar” dentro da busca dunha “economía que medre da man dunha recuperación xusta”. “Buscamos gañar espazos para a cidadanía e transformar as cidades”, subliñou.

“Traballamos para que Lugo e a súa provincia deixen de estar no furgón de cola, como o demostra por exemplo que no proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022. É a segunda provincia en investimento por habitante por parte do Ministerio de Transportes. O departamento dedica a esta provincia 298,12 millóns de euros para avanzar nas infraestruturas, o que supón unha cantidade de case 915 euros por persoa residente na provincia”, continuou.

José Miñones destacou que “é un aumento sen precedentes nos investimentos previstos para a provincia de Lugo”. “Unha discriminación positiva coa que tratamos de frear a continua perda de poboación que sofre esta provincia, como constata o INE cada ano nos seus estudos demográficos”, rematou.

O delegado do Goberno lembrou a necesaria implicación das comunidades na execución do Plan de Recuperación, un compromiso imprescindible que asumiron nas distintas reunións e conferencias e que agarda recibir da Xunta.

NOVA SEDE DO INE

O INE comprou o edificio, que levaba anos abandonado, en 2006 por 1,8 millóns de euros. As obras desbloqueadas polo Goberno actual, nas que se baleirou por completo o interior, supuxeron un investimento de 2,4 millóns. Ademais da recuperación dun edificio singular do patrimonio arquitectónico da cidade, a nova dotación supón un importante aforro para o erario público xa que o INE pagaba 100.000 euros anuais de alugueiro na súa sede anterior.

As obras consistiron na rehabilitación integral do inmoble, que se baleirou por completo e mesmo se eliminou un faiado que fora engadido ao edificio orixinal para habilitalo como vivenda das monxas do sanatorio, pero conservando todos os elementos característicos dun dos poucos edificios racionalistas existentes na cidade. O inmoble é un ben que está rexistrado no Inventario de Patrimonio Cultural de Galicia. Foi construído a mediados do século XX, por encargo de Manuel García Portela, de acordo cun proxecto do arquitecto Alfredo Vila López, e que estivo destinado orixinalmente a uso sanitario.

O edificio consta de catro plantas (semisoto, baixa, primeira e segunda) e ten unha superficie de case 1.700 metros cadrados. As obras, que incluíron a rehabilitación integral do edificio para acondicionalo coa finalidade de que poida acoller as dependencias do Instituto Nacional de Estatística.