José Miñones e Luís Rey acordan reforzar a presenza policial no concello de Oroso para manter a actual garantía da seguridade pública

23/10/2021

O delegado do Goberno deu resposta nunha xuntanza a unha petición do Executivo local

O delegado reitera que Oroso é un concello seguro e que a coordinación entre as forzas de seguridade é intensa e frutífera

A Garda Civil dará continuidade ao intenso esforzo que realiza o Concello coa Policía Local

O índice de criminalidade en Oroso é 17,3, case a metade da taxa galega situada en 29,7 e moi por debaixo da do conxunto do Estado, que é de 39,2


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e o alcalde de Oroso, Luís Rey, acordaron reforzar a presenza policial no concello para manter a actual garantía da seguridade pública. O consenso chegou nunha xuntanza que da resposta a unha petición do Executivo local.

José Miñones e Luís Rey veñen de reunirse na Delegación do Goberno para abordar a situación actual municipio. O delegado do Goberno reiterou que Oroso é un concello seguro e que a coordinación entre as forzas de seguridade é intensa e frutífera.

O delegado garantiu o traballo da Garda Civil, que dará continuidade ao intenso esforzo que realiza o Concello coa Policía Local. Ambos mandatarios coordinaron o dispositivo de seguridade e acordaron un reforzo para vindeiras datas.

Son conscientes da preocupación veciñal derivada dos ruídos nocturnos ou de actos puntuais de vandalismo, pero José Miñones reitera que Oroso é un concello seguro para vivir, traballar e visitar. A intensificación da presenza policial estará especialmente enfocada a abordar esa problemática concreta.

O delegado do Goberno lembrou que o índice de criminalidade en Oroso é 17,3 infraccións penais por cada 100.000 habitantes, case a metade da taxa galega situada en 29,7 e moi por debaixo da do conxunto do Estado, que é de 39,2. Isto amosa que Oroso é un dos concellos máis seguros.