Isabel Rodríguez destaca que Lugo, con unha suba do 169,8%, é a segunda provincia con máis investimento previsto nos Presupostos do Estado para 2022

15/10/2021

A subdelegada informa de que o investimento para Lugo do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana experimenta un aumento sen precedentes, con especial énfase na modernización do ferrocarril, para que Lugo se beneficie dos Presupostos da recuperación xusta

Rodríguez resalta que “estes Presupostos enmárcanse na aposta do Goberno de Sánchez polo desenvolvemento da provincia de Lugo, nun exercicio no que se multiplican os recursos para políticas sociais, pensións e axudas para a mocidade”

O Goberno ratifica o seu compromiso coa modernización do ferrocarril: Lugo é a primeira provincia en investimento real por persoa no sector ferroviario. Os PGE2022 dedican 252,90 millóns de euros a investimento real no sector ferroviario na provincia, un 232,1% máis que este ano


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o aumento sen precedentes nos investimentos previstos para a provincia de Lugo no proxecto de Presupostos Xerais do Estado para 2022. Así, o investimento na provincia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana medra un 169,8% respecto a este ano xa que a provincia disporá de  investimento de 298,12 millóns de euros destinados a avanzar nas infraestruturas, especialmente para a modernización no ferrocarril. Son 187,61 millóns de euros máís que no Presuposto Xeral do Estado do 2021.

 

A subdelegada remarcou que a provincia de Lugo sitúase na posición número 2 no ranking por provincia no gasto total previsto polo MITMA por persoa, con unha cantidade de 914,90 euros por habitante residente na provincia.

 

“Son uns Presupostos inmellorables para Lugo, cos que o Goberno fai xustiza cos lucenses e compromete cartos para que a nosa provincia se beneficie da recuperación xusta”, manifestou a subdelegada.

 

Rodríguez explicou que “estes Presupostos enmárcanse na aposta do Goberno de Sánchez polo desenvolvemento da nosa provincia, nun exercicio no que inxecta investimentos millonarios en infraestruturas, ratifica o compromiso coa modernización do ferrocarril, que recibe un gran pulo ata situar a Lugo como a primeira provincia de España en investimento real por persoa no sector ferroviario. E todo iso ao tempo que o Goberno multiplica os recursos para políticas sociais, a mellora das pensións e as axudas para a mocidade”.

 

Rodríguez lembrou que o investimento social dos Presupostos redundará na revalorización das pensións para 114.914 lucenses, así como no aumento de becas a estudantes, o novo bono de alugueiro de 250 euros ao mes durante dous anos destinado a xóvenes de 18 a 35 anos ou o novo bono cultural para os mozos

 

252,90 MILLÓNS PARA O TREN

 

Isabel Rodríguez debullou as principais partidas orientadas a mellorar as infraestruturas na provincia de Lugo recollidas nos Presupostos Xerais do Estado para 2022.

 

O maior investimento será para modernizar o ferrocarril. Así, os fondos dedicados ao ferrocarril medran un 232,1%, ao pasar de 76,16 millóns de euros aos 252,90 millóns no PGE2022.

 

A provincia sitúase por riba da medida por provincia no investimento real no sector ferroviario e ocupa a posición número 1 no ranking por provincia en canto a investimento real por persoa no sector ferroviario, con unha cantidade de 776,11 euros por habitante residente na provincia.

 

Os investimentos de Adif inclúen unha partida de 15,81 millóns de euros para melloras na Rede de Ancho Métrico Ferrol-Vegadeo. Outros 5 millóns destínanse á Estación de Lugo e 2,81 millóns son para a renovación Monforte-Covas.  

 

O INVESTIMENTO EN ESTRADAS AUMENTA UN 44%

 

O investimento real nas estradas do Estado na provincia previsto no proxecto de Presupostos para 2022 é de 37,44 millóns de euros. Esta cifra supón un incremento do 44,1% respecto dos 25,99 millóns de euros do 2021.

 

Para creación de novas infraestruturas destínanse 21,5 millóns e outros 10,3 millóns van destinados á conservación e explotación das xa existentes.

 

No capítulo de obras destaca a consignación de 21 millóns de euros para a execución das obras da autovía de Lugo a Santiago de Compostela (A-54) no treito de Palas de Rei a Melide.

 

Tamén se prevén partidas para a redacción de estudos e proxectos necesarios para a execución de novas estradas. Así, no proxecto de Presupostos figuran partidas por importe de 400.000 euros para a autovía A Mariña (A-74). Destínanse partidas por importe de 300.000 euros para continuar a redacción dos proxectos nos treitos Barreiros-O Carme, O Carme-Foz e Foz-Burela e outros 100.000 euros son para licitar o contrato e inicair a redacción do proxecto de treito Burela-San Cibrao.

 

No sur da provicnia, o PXE inclúe unha partida de 100.000 euros destinada á redacción do proxecto da variante de Monforte de Lemos, da autovía A-76 entre Monforte de Lemos (Este) e Babela.

 

Para o mantemento e mellora da seguridade viaria da Rede de Estradas do Estado na nosa provincia, o proxecto de Presupostos contempla unha partida por importe de 10,3 millóns de euros. Nesta partida englóbanse actuacións de mellora de firmes, interseccións, sinalización, balizamento, drenaxe e estruturas, así como os servizos de conservación e explotación ordinaria de estradas.

 

Ademais, a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia levaranse a cabo medidas para a integración das Estradas do Estado en contornos urbanos e actuacións de dixitalización, conservación, explotación e mellora da seguridade viaria.

 

 

CAMIÑO FRANCÉS

 

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana prevé un investimento do 1,93 millóns de euros para intervencións de intereses cultural no camiño Francés a Santiago de Compostela ao seu paso polos municipios de Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín e Triacastela.

 

 

OUTROS INVESTIMENTOS

 

No capítulo de Transferencias cómpre destacar que os Presupostos destinan 550.000 euros ao Concello de Monforte de Lemos para obras de mellora de instalacións deportivas municipais.

 

Pola súa parte, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico destina 430.000 euros a partidas para actuacións de protección e recuperación do litoral na nosa provincia e outros 100.000 euros da Confederación Hidrográfica Miño Sil destinados a actuacións de modernización de regadío de Lemos.