María Rivas destaca que o novo incremento das bolsas do Goberno permitirá aumentar as axudas académicas ao alumnado da USC, que recibiu no curso pasado máis de 30M de €

28/09/2021

No curso 2020/2021 máis de 8.700 alumnos e alumnas da Universidade de Santiago percibiron unha bolsa de estudos estatal, un de cada tres matriculados e matriculadas

A subdelegada traslada ao reitor a oportunidade que supoñen as políticas de modernización da educación superior e progresión da ciencia do Plan de Recuperación, dotadas con 12.266 millóns de euros

Os grupos de investigación da Universidade da Santiago percibiron 20 millóns de euros do Goberno no último ano para os seus traballos


A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou hoxe que 8.758 alumnos e alumnas da Universidade de Santiago recibiron no pasado curso 2020/2021 unha bolsa de estudo do Executivo que destinou 30,1 millóns de euros a aboar estas achegas. María Rivas fixo estas declaracións tras reunirse co reitor da Universidade compostelá, Antonio López, con quen avaliou as oportunidades que promove o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a educación superior así como as previsións da institución para este curso, que acaba de comezar.

María Rivas puxo en valor a aposta do Goberno polas bolsas académicas como instrumento que garante a equidade do acceso á educación e sinalou o esforzo do Executivo para aumentar tanto o número de bolseiros como as cantidades adicadas. Lembrou que a convocatoria deste ano conta cunha dotación histórica de 2.038 millóns de euros, coa que se prevé aumentar un 24,5% as bolsas outorgadas.

A subdelegada indicou que “na Universidade de Santiago, o programa estatal de bolsas chegou no curso pasado a 1.400 alumnos e alumnas máis que no anterior e aumentamos un 19% o impacto con 3 millóns de euros máis en axudas”, indicou, o que significa que un de cada tres matriculados nos diferentes niveis desta institución accedeu a unha axuda pública para estadía e taxas académicas.

Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Durante a xuntanza, a subdelegada e o reitor analizaron as oportunidades que abre o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a Universidade, concretamente a través de dúas políticas panca centradas na modernización da educación superior e na progresión da ciencia. 

Estas dúas políticas contan cun orzamento de 12.266 millóns de euros. “Sei que a Universidade de Santiago ten capacidade e potencial académico e investigador suficiente para ser referente nas dúas. Xa o demostrou nestes últimos anos, cando captou 20 millóns do Goberno de euros no capítulo de investigación”, apuntou María Rivas, que afirmou que “son dúas liñas de traballo ilusionantes nas que sen dúbida, a USC estará á altura”.

A primeira política panca busca modernizar a formación e a mobilidade do seu capital humano e as súas infraestruturas.  A segunda o que persigue e garantir que a ciencia e o coñecemento das universidades cheguen á sociedade.