José Miñones reitera a aposta do Goberno pola dotación de internet de alta velocidade á veciñanza de Oleiros e inclúe máis de 1.200 puntos no novo Plan Único

18/11/2021

O Ministerio de Asuntos Económicos vén de adxudicar os proxectos da convocatoria de 2021 da universalización de banda ancha que financian o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

O delegado apunta que o Ministerio para a Transición Ecolóxica aportou 1,3 millóns de euros para mellorar o alumeado público municipal

Lembra que o Ministerio de Transportes suma 12,5 millóns de euros en mellorar as vías estatais no Concello e está redactando o proxecto de ampliación da Ponte Pasaxe


O delegado do Goberno, José Miñones, reiterou hoxe en Oleiros o compromiso de dotar de banda ancha á veciñanza e empresas deste concello no marco do novo Plan ÚNICO-Banda Ancha que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. E sinalou a “importancia que ten Oleiros en Galicia e o que representa tanto a nivel de poboación como de renda per cápita, como de núcleo residencial, económico e social imprescindible para A Coruña”.

José Miñones mantivo unha reunión co alcalde de Oleiros, Angel García, a quen informou da recente aprobación de proxectos de banda ancha correspondente a este Plan do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital. En concreto, Oleiros está incluida nesta resolución a través de 181 proxectos que permitirán o acceso a internet de alta velocidade a 1.240 vivendas e empresas do Concello. Na provincia da Coruña o Plan Único mobilizará 4,7 millóns de euros cunha achega de 3,5 millóns por parte do Ministerio en 76 concellos e 15.923 familias ou empresas.No conxunto de Galicia o Goberno concedeu 30 millóns de euros en axudas a proxectos para levar a banda ancha de alta velocidade a zonas que carecían deste servizo en 278 concellos de Galicia.

Tal e como recolle a resolución, Oleiros é un dos concellos de Galicia que máis notará esta aposta do Goberno pola universalización do acceso a internet e “para evitar que as persoas que elixen vivir en zonas rurais e residenciais como Oleiros, o cal é un privilexio, non se vexan penalizadas con respecto ás urbes con zonas sen acceso a internet de calidade para o teletraballo, o estudo ou o lecer”, engadiu o delegado.

Respecto aos proxectos de anteriores convocatorias, o delegado trasladou ao alcalde a decisión do Ministerio de Asuntos Económicos de prorrogar un ano máis a execución dos contratos de anos pasados por mor dos efectos da pandemia.

Mellora do alumeado público

Na visita, o delegado repasou co alcalde o estado doutros investimentos do Goberno en Oleiros. Así, destacou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu ao goberno local unha subvención de 1.346.739,13 euros para a mellora da eficiencia do alumeado municipal. O Concello de Oleiros aporta o 20 % restante ata sumar 1.6 millóns de euros.

Con esta achega do Ministerio, Oleiros está a renovar integramente a iluminación pública das zonas urbanas de Santa Cruz, Perillo, urbanizacións e Polígono de Iñás cambiando 1.800 puntos de luz por luminarias led ademáis de renovar as liñas e os cadros.

Infraestruturas

No que respecta ás infraestruturas, José Miñones e Angel García abordaron a execución da obra do cruce de Sol y Mar, na que o Ministerio de Transportes inviste 9,8 millóns de euros.

O delegado destacou a colaboración do Concello neste proxecto e lembrou que se suma aos investimentos executados nas pasarelas peonís da AC-12 en Perillo e na rehabilitación do firme da AC-12 e a Nacional VI ata completar 12,5 millóns de euros nas vías do Concello. Ademáis, o Ministerio de Transportes segue a traballar na redacción do proxecto de ampliación da Ponte Pasaxe, que suporá un investimento estimado de 47 millóns de euros.