José Miñones anuncia que o Goberno triplica os fondos de axudas a proxectos de transición ecolóxica en municipios de reto demográfico ata os 325 millóns de euros

16/11/2021

Apunta que é unha “boa noticia” para os 252 concellos de Galicia que poden optar a esta convocatoria, denominada Programa DUS-5000

Insiste en que o Goberno ten un compromiso claro co municipalismo e co reto demográfico que se traduce en feitos e apoio reais

O Ministerio de Asuntos Económicos posibilitará que 389 vivendas e empresas de Manzaneda conten con acceso a banda ancha de internet de alta velocidade

O delegado repasa co alcalde e o subdelegado en Ourense os proxectos financiados polo Goberno de renovación do alumeado público municipal, cunha achega de 325.000€


O delegado do Goberno, José Miñones, anunciou hoxe en Manzaneda (Ourense) a decisión do Goberno de triplicar os fondos dispoñibles do Programa DUS-5000 de axudas para a transición ecolóxica nos municipios do reto demográfico. O Ministerio para a Transición Ecolóxica, ante a resposta dos concellos nos primeiros días da convocatoria, decidiu elevar en 250 millóns de euros os fondos dispoñibles, ata ofrecer agora 325 millóns de euros en total: “Unha boa noticia” que permitirá conceder máis axudas a máis concellos e que ten un impacto moi positivo en Galicia, onde hai 252 concellos do reto demográfico que son os que poden optar ás mesmas.

José Miñones reiterou hoxe en Manzaneda a aposta do Goberno pola igualdade de oportunidades da poboación do rural e pola cohesión territorial, e detallou o impacto das accións do Goberno para reducir a fenda territorial no concello da montaña ourensá. “Dende o Goberno temos un compromiso claro co municipalismo e co reto demográfico, compromiso que se demostra con feitos e apoio reais que nos permiten transformar os nosos concellos para ser máis verdes, máis sostibles e máis eficientes”, explicou.

En concreto, o delegado detallou os investimentos para fomentar a eficiencia enerxética e a enerxía limpa que lidera o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e os de extensión de internet de alta velocidade que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital. Todos eles forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno para apoiar a igualdade de oportunidades da cidadanía e dos concellos do rural.

O delegado avaliou estas liñas e o impacto en Manzaneda xunto co seu alcalde, Amable Fernandez, e co subdelegado do Goberno na provincia, Emilio González

Axudas a eficiencia enerxética

Avanzar cara municipios máis sostibles é o obxectivo da convocatoria que abriu hai dúas semanas o Ministerio para a Transición Ecolóxica e que ten como obxectivo financiar proxectos de enerxías limpias. “O programa DUS-5000 de eficiencia enerxética beneficiará exclusivamente aos municipios do reto demográfico, que na provincia da Ourense son 84, entre eles Manzaneda”, engadiu o delegado.  

O delegado animou a Manzaneda e ao resto de concellos a aproveitar esta oportunidade. Lembrou que Manzaneda xa foi beneficiaria de tres axudas na convocatoria anterior do Ministerio para proxectos de eficiencia enerxética. Grazas a achega de 325.000 euros do Goberno, o Concello vai afrontar a renovación do alumeado municipal en 20 núcleos de poboación. Con este cambio, o Concello de Manzaneda aforrará unha parte importante da factura eléctrica municipal que pode adicar a outros servizos.

Extensión da banda ancha

O delegado do Goberno engadiu que Manzaneda tamén se beneficiará da primeira convocatoria do Plan UNICO-Banda Ancha, que impulsa do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital. O departamento ministerial aprobou este mes a resolución provisional que aportará 2,3 millóns de euros a empresas tecnolóxicas para financiar as acometidas de internet en zonas rurais da provincia de Ourense. No conxunto de Galicia o Goberno concedeu 30 millóns de euros en axudas a proxectos para levar a banda ancha de alta velocidade a zonas que carecían deste servizo en 278 concellos de Galicia.

José Miñones detallou que, no caso concreto de Manzaneda, este plan permitirá levar o servizo de banda ancha a 389 empresas e vivendas do Concello de Manzaneda que non dispoñían desta conexión nin estaban dentro dos plans de expansión das compañías de telecomunicación