José Miñones anuncia investimentos de 25M€ do Goberno para impulsar proxectos de enerxía limpa e de conectividade a internet nos concellos do rural de Galicia

05/11/2021

Apunta que hoxe abre o prazo para que os 252 municipios de reto demográfico de Galicia presenten proxectos de sostibilidade enerxética á convocatoria do Ministerio para a Transición Ecolóxica

Esta semana o Ministerio para Asuntos Económicos adxudicou catro proxectos que levarán a banda ancha de alta velocidade a 90.000 fogares e empresas de zonas que carecían deste servizo

O delegado do Goberno supervisa en Vimianzo o inicio da renovación do alumeado público municipal, que recibiu unha achega estatal de 1,9M e que reducirá un 50% a factura eléctrica do Concello

Xunto coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica García, e a subdelegada do Goberno, María Rivas, reitera o compromiso pola cohesión territorial


.O delegado do Goberno, José Miñones, presentou hoxe en Vimianzo dúas liñas de investimento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno para apoiar a igualdade de oportunidades da cidadanía e dos concellos do rural de Galicia. En concreto, avanzou acordos que suman 25 millóns de euros para que os gobernos locais desenvolvan proxectos de enerxía limpa e para levar a banda ancha de alta velocidade a 90.000 fogares e empresas de zonas rurais de Galicia que ata agora carecían desta conexión a internet.

José Miñones reiterou que a loita contra o despoboamento do rural é unha das prioridades do Goberno de Pedro Sánchez e do Plan de Recuperación, con varias liñas de investimento e medidas destinadas “a dar servizos de calidade á poboación do rural, garantir a cohesión territorial e a igualdade de oportunidades en todo o territorio”.

Axudas a eficiencia enerxética

O delegado do Goberno anunciou que hoxe, venres, o Ministerio para a Transición Ecolóxica abre o prazo para que os concellos presenten solicitudes á convocatoria de axudas do programa DUS-5000 de eficiencia enerxética. Este programa xa conta cunha cantidade preasignada a Galicia de 5,7 millóns de euros que poderán financiar ata o 100% do total de investimento. “Nesta ocasión, a convocatoria beneficiará exclusivamente aos municipios do reto demográfico, que en Galicia son 252 e na provincia da Coruña, 69, entre eles Vimianzo”, engadiu o delegado, aclarando que a cantidade dispoñible poderá ampliarse en función das solicitudes presentadas.

O delegado animou aos concellos a presentar as propostas, que poden canalizarse a través das Deputacións Provinciais. “Temos un gran precedente”, apuntou, en referencia á convocatoria do mesmo Ministerio de axudas á mobilidade sostible e eficiencia enerxética en municipios e que en Galicia acadou 433 axudas concedidas por un importe de 158 millóns de euros. 

Extensión da banda ancha

O delegado do Goberno engadiu que esta semana o Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital aprobou proxectos por 30 millóns de euros para levar a banda ancha de alta velocidade a zonas que carecían deste servizo en 278 concellos de Galicia.

Trátase da primeira convocatoria do Plan UNICO-Banda Ancha, polo que o Goberno aporta 19,3 millóns de euros a empresas tecnolóxicas para financiar as acometidas de internet en zonas rurais de Galicia. Os proxectos executaranse o vindeiro ano, co obxectivo de que a cobertura de redes con velocidade superior a 100 Mbps alcance o 95% da poboación en 2023.

Investimentos en Vimianzo

O delegado do Goberno, xunto coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, supervisou o inicio da obra de renovación integral da iluminación pública do Concello. Esta obra conta coa financiación do Goberno de España, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, mediante unha subvención de 1,9 millóns de euros, o 80% do investimento.

“Un proxecto no que todos gañan”, insistiu o delegado, quen explicou que Vimianzo mudará nos vindeiros meses máis de 4.000 puntos de luz á tecnoloxía led e modernizará as súa instalación de forma que sexa máis eficiente e sostible. “Con este cambio, reducirase á metade a factura eléctrica municipal ademais de diminuír a contaminación lumínica e as emisións á atmosfera asociadas á enerxía que se deixa de consumir”, engadiu.

En Vimianzo, o delegado detallou que o concello, que forma parte da categoría de municipios de reto demográfico, tamén se beneficia dos proxectos de extensión da banda ancha ao rural. Así, nas últimas convocatorias do Plan PEBA o Goberno aprobou a dotación de fibra a 64 entidades de poboación de Vimianzo e na resolución aprobada esta semana do Plan UNICO, sumaranse 15 proxectos máis para Vimianzo que beneficiarán a 30 conxuntos residenciais e empresas.