Maica Larriba subliña o esforzo histórico do Goberno na posta en marcha de plans de rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana

16/11/2021

Explicou que o Plan de Recuperación inclúe partidas moi importantes para vivenda e mellora de contornas urbanas, no marco dun modelo de colaboración público-privada e de cogobernanza coas Comunidades Autónomas e as Entidades Locais ás que se lle transferirán os fondos


Pontevedra, 16 de novembro de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou hoxe a Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Caldas de Reis, xunto co alcalde, Juan Manuel Rey e outros membros do goberno municipal e puxo as actuacións que se veñen desenvolvendo na Vila Termal como exemplo da aposta decidida do Goberno pola rehabilitación de vivenda e a rexeneración urbana. A subdelegada tamén aproveitou o encontro en Caldas para informar sobre os novos programas de axuda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, destinados á rehabilitación de edificios públicos e contornas urbanas, así como ao aumento do parque de vivenda social en alugueiro. Destes novos programas poderán beneficiarse os particulares e as entidades locais, de xeito que suporán un impulso histórico ás políticas de vivenda e mellora urbana.

Maica Larriba supervisou as obras de reforma e mellora do abastecemento que se están executando na rúa Real de maneira cofinanciada entre a Deputación de Pontevedra e os fondos procedentes das axudas ás ARI do Programa de fomento da rexeneración urbana e rural correspondente ao Plan Estatal de Vivenda 2018-2021.

A subdelegada do Goberno lembrou que a través deste programa o Ministerio comprometeuse a aportar a Galicia máis de 82 M€ en catro anualidades e que neste 2021 se transferiron á comunidade 21,1 millóns. Entre estes fondos atópanse os 8,11 M€ para actuacións nas Áreas de Rehabilitación Integral.

En relación coas ARI, Maical Larriba recordou que nos últimos anos “mentres as axudas á rehabilitación por parte do Estado medraron, as da Xunta de Galicia  baixaron”. Así, sinalou que “por cada actuación nunha zona ARI dun casco histórico o Goberno aporta ata 24.000 euros, mentres que a Xunta aporta un máximo de 5.500”. “Isto é unha evidencia clara de que o Goberno está cada vez máis comprometido coa rehabilitación e a rexeneración dos cascos históricos como o de Caldas, así como coas áreas de influencia do Camiño de Santiago”, engadiu Maica Larriba.

A subdelegada do Goberno recordou que Caldas se atopa xa na súa 3ª fase da ARI e que recibiu en 2021 374.000 euros para a rehabilitación de vivendas “dos que o Goberno aportou 297.000, o 79,5% do total da axuda”. Desde a creación da ARI de Caldas en 2017 e ata agosto de 2021 foron uns 75 os particulares que solicitaron as axudas específicas para a rehabilitación de vivendas neste tipo de áreas.

 Na provincia son dez os concellos que contan con Áreas de Rehabilitación Integral. Concretamente: Baiona, Vigo, Cambados, Cangas, Vilagarcía, Poio, Pontevedra, Marín, Tui e Caldas de Reis. Entre todas elas contemplan 9.303 vivendas susceptibles de seren rehabilitadas.

Maica Larriba destacou a Caldas de Reis como “exemplo claro de aproveitamento dos fondos para a rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana” e animou ao alcalde e ao goberno local a “seguir traballando nesta liña para sacarlle o máximo partido a convocatorias próximas e avanzar na recuperación urbana dunha das vilas máis senlleiras da provincia”.

Plan Estatal de Vivenda 2022-2025

A subdelegada do Goberno anunciou na súa visita a Caldas de Reis que actualmente está en fase de tramitación o Plan Estatal para o Acceso á Vivenda 2022-2025 no que a Galicia lle corresponden nun primeiro reparto estimativo 20,2 M€. Ademais, os orzamentos do Estado para 2022 contemplan nun primeiro reparto estimativo 29,22 millóns para Galicia correspondentes ao Bono Xoven para o alugueiro de vivenda.

Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Maical Larriba explicou que máis aló do próximo Plan Estatal de Vivenda os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia inclúen partidas moi importantes para a rehabilitación de vivenda e a rexeneración urbana, no marco dun modelo de colaboración público-privada e de cogobernanza coas Comunidades Autónomas e as Entidades Locais ás que se lle transferirán os fondos.

Así, anunciou que no marco das convocatorias de axudas e subvencións para proxectos de rehabilitación incluídos no compoñente de  “Implementación da Axenda Urbana Española”, Galicia se beneficiará de 3 liñas:

En primeiro lugar, o Programa de rehabilitación para a recuperación económica e social en contornas residenciais suporá a transferencia á comunidade de  67,2 M €. A segunda liña vai dirixida á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes na que a Galicia lle corresponden nun primeiro reparto estimativo 29,2 M€.

Doutra banda, o Programa de Impulso á Rehabilitación de edificios públicos (PIREP) divídese en dúas liñas de actuación. Neste caso, Galicia recibirá para iniciativas de impulso autonómico 27,3 M€ e abrirase outra liña dirixida ás entidades locais cunha dotación orzamentaria total nos orzamentos de 2022 de 600 millóns de euros, que se articulará a través de concorrencia competitiva e cuxa convocatoria se abrirá no primeiro trimestre de 2022.

Por último, Maica Larriba anunciou que o Mitma vén de publicar a resolución provisional da adxudicación das axudas de 20 millóns de euros para a elaboración de Proxectos piloto de Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española con cargo aos fondos europeos de recuperación. A convocatoria destas axudas contribúe aos obxectivos do  PRTR de apostar por unha planificación estratéxica, integrada e integral que achegará a todas as áreas urbanas, tanto en contornas rurais como urbanos, aos obxectivos globais da sustentabilidade social, económica e ambiental. Na provincia de Pontevedra foron beneficiarias provisionalmente 4 entidades locais. Tui (100.000 €), Lalín (150.000 €), Pontevedra (200.000 €) e Vigo (200.000€).