Emilio González destaca o compromiso do Goberno de España coas obras do tramo Eirasvedras-Quintela da variante norte de Ourense

29/10/2021

O subdelegado do Goberno informa da licitación dos servizos de control e vixilancia das obras deste tramo

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o anuncio do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

O orzamento desta actuación ascende a 1,33 millóns de euros


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, informou da publicación no día de hoxe no Boletín Oficial do Estado do anuncio de licitación dos servizos de control e vixilancia das obras da variante de Ourense, no tramo enlace de Eirasvedras coa N-120 no seu p.k. 573,800–enlace de Quintela coa N-120 no seu p.k. 572,000, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Para esta actuación destínase un orzamento de 1.332.109,30 euros e o contrato ten unha duración estimada de 35 meses. As ofertas poderán presentarse ata as 15:00 horas do próximo 26 de novembro.

Emilio González destacou o compromiso do Goberno de España coas obras deste tramo da variante norte de Ourense. “Novamente os feitos demostran que o Executivo central traballa para que esta infraestrutura sexa unha realidade, o que supón un impulso importante para seguir avanzando na construción da A-56”.

CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS

O trazado deste primeiro tramo de 1,7 quilómetros de lonxitude da variante norte de Ourense, que se integrará na futura A-56 entre Ourense e Lugo, ten a súa orixe no entorno do actual enlace de Eirasvedras da Autovía das Rías Baixas (A-52), onde actualmente existen dúas calzadas separadas de dous carrís por sentido na N-120, enmarcándose nun entorno periurbano. As dúas calzadas da variante norte de Ourense proxéctanse conectando coas existentes, dando continuidade aos tráficos da N-120 en ambos os sentidos.

O tramo finaliza no enlace de Quintela, onde conecta de novo coa N-120 á altura do núcleo de Tarascón (p.k. 572). Neste punto, proxectouse unha conexión provisional que permitirá completar este primeiro tramo e poñelo en servizo, con independencia do segundo tramo da variante norte de Ourense entre Quintela e A Casilla.

Ao longo do trazado deséñanse dous novos enlaces: o enlace de Eirasvedras e o enlace de Quintela.

O tramo inclúe como obras singulares, un viaduto sobre a N-120 e a liña ferroviaria Monforte de Lemos-Vigo (Viaduto de Quintela), unha nova ponte sobre o Río do Porto e dous pasos inferiores, un baixo o tronco e outro baixo os ramais do enlace de Quintela, que permitirá o cruce deste ramal sobre o ferrocarril Monforte de Lemos-Vigo.