O subdelegado do Goberno en Ourense eloxia o labor solidario e humanitario realizado pola Garda Civil durante a pandemia

12/10/2021

Emilio González sinala a loita contra a ciberdelincuencia, contra a violencia machista e contra os delitos de odio como principais retos aos que debe facer fronte a Garda Civil, incluídos no Plan Estratéxico 2021-2024

No acto institucional entregáronse 24 condecoracións a gardas civís e persoas cunha especial vinculación co Corpo


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, eloxiou durante o acto institucional do Día da Patroa da Garda Civil o labor solidario e humanitario realizado polos axentes do Corpo na provincia dende o mes de marzo de 2020 para facer fronte á crise sanitaria. “O voso traballo foi determinante para que a sociedade ourensá fose gañando terreo á COVID-19. Sodes exemplo de compromiso e responsabilidade individual e colectiva”, expresou Emilio González.

O subdelegado do Goberno trasladou o recoñecemento e o agradecemento a todos os membros da Garda Civil e do resto de forzas e corpos de seguridade pola profesionalidade e esforzo demostrados na protección da cidadanía durante estes meses.

Na súa intervención, Emilio González destacou que o traballo que desenvolven diariamente os membros da Garda Civil en Ourense “fai que os cidadáns e as cidadás teñan en alta estima e consideración o voso labor” e resaltou que cumpren un papel fundamental para garantir a convivencia en paz da sociedade.

Neste sentido, engadiu que a Garda Civil é un corpo de seguridade clave para proporcionar a mellor das respostas ás ameazas e aos desafíos actuais. “Os homes e mulleres que formades parte da Garda Civil sodes actores de primeiro orde no Modelo de Seguridade 2030 que o Goberno de España prantexa e que parte de entender que a seguridade é un ben público”, sinalou.

No seu discurso, Emilio González tamén se referiu ao Plan Estratéxico 2021-2024 que incorpora novos retos aos que a Garda Civil debe facer fronte, como a protección fronte a pandemias e a epidemias; a ciberseguridade e a loita contra a ciberdelincuencia; a loita contra o racismo e os delitos de odio; ou o Plan de Acción contra a Violencia sobre a Muller, con obxectivos como a mellora dos protocolos de atención ás vítimas. No tocante á Seguridade Cidadá e co obxectivo de proporcionar un servizo máis áxil, eficaz, transparente e de maior calidade, o Plan Estratéxico 2021-2024 avanza na transformación dixital do Corpo.

O subdelegado do Goberno apuntou á necesidade de seguir aumentando o número de efectivos, lembrando que este reforzo xa está contemplado no Plan de Medidas do Goberno ante o Reto Demográfico e que a última convocatoria de emprego público prevé máis de 2.000 prazas na escala de cabos e gardas civís.

Finalmente, Emilio González concluíu a súa intervención reiterando o agradecemento ás mulleres e homes que forman parte de Garda Civil polo seu compromiso diario co servizo público e animounos “a seguir traballando con transparencia e proximidade á cidadanía”.

Durante o acto fíxose entrega de 24 condecoracións, 18 delas a membros da Garda Civil e 6 a persoas cunha especial vinculación co Corpo.