A Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 599 controis na provincia durante a última semana

14/04/2021

Isabel Rodríguez informa de que as forzas de seguridade do Estado na provincia fixeron 685 inspeccións en apoio do Plan Hostalería Segura.

Nos últimos sete días foron identificadas 6.522 persoas, controlados 5.484 vehículos e eleváronse 151 propostas de sanción.


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que tratou sobre o dispositivo de seguridade establecido na provincia para velar polo cumprimento da normativa da Xunta sobre a COVID-19. A xuntanza, que se celebrou por vía telemática,  contou coa participación de mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo; ademais de representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

Isabel Rodríguez fixo balance do labor realizado desde o pasado mércores, cando tivo lugar a anterior reunión, polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Así, informou de que a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia un total de 599 controis e 685 inspeccións a establecementos de hostalaría. No dispositivo tomaron parte 1.192 axentes. En total durante esta semana, desde o día 7 ata o 13 da abril, a Policía Nacional e a Garda Civil identificaron 6.522 persoas, controlaron 5.484 vehículos e formularon 151 propostas de sanción.

A subdelegada puxo de manifesto a dedicación e compromiso de todas as forzas e corpos de seguridade da provincia, que seguen a traballar de xeito coordinado velando polo cumprimento das distintas normas establecidas polas autoridades sanitarias na loita contra a pandemia nos concellos da provincia.