A Policía Nacional e a Garda Civil realizaron 676 controis na provincia durante a última semana

07/04/2021

 Isabel Rodríguez informa de que, unha vez pasada a Semana Santa, as forzas de seguridade continúan comprobando o cumprimento das restricións establecidas pola Xunta así como do Plan de Hostalaría Segura
 Na última semana, a Policía Nacional e a Garda Civil levaron a cabo 905 inspeccións a establecementos de hostalaría da provincia
 As forzas de seguridade do Estado elevaron 215 propostas de sanción e detiveron 1 persoa na provincia nos últimos sete días


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, presidiu hoxe a reunión semanal do Centro de Coordinación Operativo da provincia (CECOR) que tratou sobre o dispositivo de seguridade establecido na provincia para asegurar o cumprimento da normativa da Xunta sobre a COVID-19. A xuntanza, que se celebrou por vía telemática,  contou coa participación de mandos da Garda Civil, a Policía Nacional, a Policía Autonómica e a Policía Local de Lugo; ademais de representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.

 

Isabel Rodríguez explicou que, logo do intenso traballo realizado durante toda a Semana Santa as forzas e corpos de seguridade continúan na provincia co dispositivo encargado de comprobar as restricións que ten establecidas a Xunta, na súa condición de autoridade sanitaria, para evitar a propagación do coronavirus. Neste sentido, indicou que a Policía Nacional e a Garda Civil seguen realizando controis para asegurar o respecto das distintas medidas de obrigado cumprimento, entre elas as referidas á mobilidade ou as incluídas no Plan de Hostalaría Segura.

 

A subdelegada fixo balance na xuntanza do CECOR do labor realizado desde o pasado mércores, cando tivo lugar a anterior reunión, polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Así, informou de que a Policía Nacional e a Garda Civil realizaron na provincia un total de 676 controis e 905 inspeccións a establecementos de hostalaría. No dispositivo contouse coa participación de 1.074 axentes. En total durante esta semana, desde o día 31 de marzo ata o 6 da abril, a Policía Nacional e a Garda Civil identificaron 10.329 persoas, controlaron 8.457 vehículos, formularon 215 propostas de sanción e realizaron 1 detención.

 

Ademais, a subdelegada agradeceu a implicación de todas as forzas e corpos de seguridade da provincia, que traballan en coordinación para facer seguimento do respecto á normativa contra a pandemia que deciden as autoridades sanitarias.