José Miñones anuncia que o Goberno compromete 3,5 M€ para mellorar o medio ambiente, a calidade de vida e a conectividade dixital da veciñanza de Vilalba

19/11/2021

Anuncia que o Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital aprobou a extensión da banda ancha de acceso a Internet para máis de 3.800 vivendas e empresas do municipio

Detalla que o Ministerio para a Transición Ecolóxica outorgou máis de 560.000 euros para mellorar o alumeado público municipal e facelo máis eficiente

A colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil co Goberno Local permitirá afrontar a necesaria reforma e modernización do saneamento de augas


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, repasou hoxe os compromisos do Executivo con Vilalba, con actuacións que alcanzan os 3,5 millóns de euros para mellorar o medio ambiente, a calidade de vida e a conectividade dixital da veciñanza de Vilalba.

José Miñones desprazouse á capital da comarca de Terra Cha xunto coa subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, onde foron recibidos pola alcaldesa, Elba Veleiro, con quen supervisaron o estado dos proxectos e investimentos do Goberno en Vilalba.

O delegado anunciou o compromiso de extender de forma significativa a banda ancha de aceso a internet neste concello grazas ao novo Plan ÚNICO-Banda Ancha que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Lembrou que “a conectividade é un dos nosos compromisos para fixar poboación e ter unha recuperación xusta e igualitaria nas vilas”. Informou á alcaldesa de recente aprobación dos proxectos deste ano do Plan do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital. En concreto, Vilalba está incluida nesta resolución a través de 1.886 conexións que permitirán o acceso a internet de alta velocidade a 3.800 vivendas e empresas do Concello. Estas conexións súmanse ás que se están efectuando no marco do programa de banda ancha de 2020, tamén do Ministerio de Asuntos Económicos, que permitirá levar este acceso de alta velocidade a 141 entidades de poboación do municipio vilabés.

José Miñones apuntou que na provincia da Lugo  o Plan Único mobilizará 16,3 millóns en proxectos con 10,2 millóns aportados polo Estado. As actuacións benefician a 64 concellos e 45.514 familias ou empresas. No conxunto de Galicia o Goberno concedeu 30 millóns de euros en axudas a proxectos para levar a banda ancha de alta velocidade a zonas que carecían deste servizo en 278 concellos de Galicia.

Investimentos en sostibilidade ambiental

O delegado apuntou que a mellora ambiental e da calidade de vida da poboación de Vilalba é un dos compromisos cumpridos con accións e investimentos efectuados ou aprobados.

No ámbito da transición ecolóxica, Vilalba beneficiouse de 564.000 euros das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica cos que está abordando a renovación da iluminación pública en distintos puntos do municipio. Son tres proxectos que permitirán un considerable aforro tanto no consumo de electricidade como na factura do Concello, que este poderá adicar a outros servizos.

Xunto á eficiencia enerxética, o Goberno, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, está abordando co Concello a renovación do saneamento e depuración das augas. O delegado lembrou que se trata dunha actuación moi necesaria na vila, que será por fin realidade grazas ao convenio asinado en setembro coa CHMS polo que o organismo de conca aporta o 80% do investimento total de 3.250.000 euros.

Outras actuacións

No que respecta ás vías estatais que discorren por Vilalba, o delegado do Goberno anunciou que antes de fin de ano a Demarcación de Estradas do Estado executará melloras de firmes por importe de 40.000 euros. Ademáis, anunciou que o Ministerio de Transportes está a redactar a proxecto da futura área de servizo ao pé da A8 ao paso pola capital chairega.