Emilio González subliña o compromiso do Goberno na loita contra a violencia de xénero

16/10/2021

O subdelegado do Goberno informa da achega de 335.917,05 euros aos concellos ourensáns para o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Actualmente son oito os concellos da provincia adheridos ao Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero

A Subdelegación do Goberno en Ourense organiza unha ducia de actos con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

A figura de Emilia Pardo Bazán está presente na programación, por ser unha figura relevante pola súa defensa dos dereitos das mulleres


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, subliñou hoxe que para o Goberno de España a violencia de xénero é unha política de Estado absolutamente prioritaria e sinalou que esta lacra social segue estando moi presente na provincia de Ourense, tal e como evidencian os 378 casos activos rexistrados no Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero. “Dende as institucións temos a obriga de non baixar a garda e de seguir loitando contra a violencia machista”, sinalou.

O subdelegado do Goberno destacou que a implicación do Goberno nesta loita materialízase tamén na achega de fondos públicos como os 335.917,05 euros que o Executivo central vén de transferir aos concellos ourensáns para o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Estes fondos contribuirán a axudar mellor aos servizos municipais, que conforman a primeira liña de asistencia ás vítimas de violencia machista, e permitirán financiar programas que se desenvolvan ata xuño de 2022.

Así mesmo, Emilio González destacou que dende a Subdelegación do Goberno séguese a traballar para incorporar a aqueles concellos da provincia que contan con Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero.

Actualmente, son oito os concellos da provincia adheridos a este sistema (Barbadás, Celanova, Maceda, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Verín e Xinzo de Limia), o que permite que as policías locais dispoñan de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista existentes no municipio, asumindo o seguimento e control dalgúns deses casos.

PROGRAMACIÓN DE ACTOS CON MOTIVO DO 25N

En canto á programación de actividades, o subdelegado do Goberno informou da ducia de actos que a Subdelegación do Goberno levará a cabo durante os meses de outubro e novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra en todo o mundo o día 25 de novembro. 

Emilio González agradeceu “a colaboración dos poñentes que compartirán os seus coñecementos sobre diferentes aspectos relacionados coa violencia de xénero, así como a participación de todos os asistentes”.

A Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense organiza dende o 5 de outubro e ata o próximo 2 de novembro nove xornadas formativas de violencia sobre a muller, centradas na intervención policial e protección das vítimas, nos concellos de Barbadás, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín, Maceda, Xinzo de Limia e A Pobra de Trives.

As mesmas están dirixidas a profesionais que traballan na prevención da violencia de xénero e na protección das vítimas, como son o persoal dos Centros de Información á Muller, traballadores e educadores sociais dos concellos, concelleiros de Servizos Sociais, así como membros da Garda Civil e das distintas policías locais.

O 22 de outubro a Subdelegación do Goberno acollerá unha xornada formativa para profesionais sobre Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero e o 4 de novembro no Liceo ourensán celebrarase unha xornada sobre a violencia sobre a muller aberta á cidadanía.

Tamén na Subdelegación do Goberno terá lugar o 24 de novembro o acto A violencia de xénero nos textos de Emilia Pardo Bazán, no que escolares de distintos centros educativos procederán á lectura de textos da autora.

Ademais, o día 25N a fachada da Subdelegación iluminarase coa cor violeta, símbolo desta reivindicación, e lucirá unha pancarta reivindicativa da data.