O Ministerio de Educación e FP destina 2,38 millóns de euros a restablecer e reforzar o funcionamento dos centros educativos de Galicia o próximo curso

O Ministerio de Educación e FP destina 2,38 millóns de euros a restablecer e reforzar o funcionamento dos centros educativos de Galicia o próximo curso

21/07/2020

Os fondos do programa PROA+ están destinados aos centros educativos con alumnado máis desfavorecido de Primaria, ESO e Bacharelato

Un dos seus obxectivos é garantir a continuidade e o avance educativo nas condicións de seguridade recomendadas polas autoridades sanitarias para o curso 2020-2021


O Consello de Ministros aprobou hoxe un investimento en Galicia de 2.374.545  euros para o Programa para a Orientación, Avance e Enriquecemento Educativo, PROA+, que responde á situación de emerxencia educativa do curso 2020-21 provocada pola pandemia da  COVID-19. O Ministerio de Educación e Formación Profesional concederá este fondo á Xunta de Galicia para atender ao alumnado máis vulnerable.

Este programa adáptase á situación educativa do próximo curso 2020-21, provocada pola suspensión temporal da actividade lectiva presencial desde marzo ata o final do curso 2019-2020 e o impacto negativo do confinamento no benestar e no progreso do alumnado.

A nivel nacional o orzamento aprobado ascende a 40 millóns de euros. A distribución entre Comunidades Autónomas realizouse segundo o número de alumnos escolarizados en Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria (50%); a porcentaxe de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo (20%); a taxa de idoneidade aos 15 anos (20%) e a dispersión da poboación, en base ao Censo de Poboación e Vivenda 2011 do Instituto Nacional de Estatística (10%). Galicia é a quinta comunidade que máis fondos recibe tras Madrid, Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana.

O Plan fíxase como obxectivos:

  • Garantir a continuidade e o avance educativo do alumnado no curso 2020-21, con especial atención aos máis vulnerables.
  • Restablecer, reforzar e mellorar o funcionamento dos centros educativos nas condicións especiais do curso 2020-21, flexibilizando a súa organización, garantindo as condicións escolares recomendadas polas autoridades sanitarias.
  • Reforzar a equidade educativa da rede de centros.
  • Impulsar e facilitar as necesarias adaptacións das programacións didácticas ao redor das competencias clave e as aprendizaxes fundamentais.
  • Reforzar a dotación e formación dos equipos docentes e dos profesionais de orientación.
  • Responder de forma integral ás novas necesidades educativas sobrevindas, así como mitigar o impacto do confinamento e suspensión da educación presencial no benestar  socioemocional do alumnado e profesorado.

Catálogo de actuacións

Cada centro educativo elixirá entre o catálogo de actuacións do programa

PROA+, en función das súas necesidades e posibilidades no curso 2020-21.

Estas actuacións inclúen:

1.   A adecuación do proxecto educativo do centro ás necesidades do curso 2020-21, que inclúe a adaptación da programación curricular e o estímulo á renovación pedagóxica inclusiva.

2.   O impulso ás competencias docentes e orientadoras máis necesarias, en coordinación cos servizos ou redes de formación da Comunidade Autónoma.

3.   O plan de acompañamento, motivación e reforzo escolar personalizado para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Son actuacións con monitores e alumnos/ as-mentores, que complementan as dos docentes e que están destinadas a mellorar a motivación, a autoestima, o benestar emocional e as perspectivas escolares dos estudantes.

4.   A promoción da implicación e colaboración das familias e da contorna comunitaria co Proxecto Educativo do centro para o curso 2020-2021, co obxectivo de fomentar o compromiso da familia nas actividades educativas dos estudantes e de previr o abandono escolar prematuro.

Estes 2,38 millóns son un investimento inicial doutros previstos polo Ministerio de Educación e Formación Profesional destinados a facer fronte á situación dos centros provocada pola pandemia da COVID-19.