O volume de tráfico en Galicia acadou o 83% de descenso durante o estado de alarma, segundo os datos recollidos pola DGT

O volume de tráfico en Galicia acadou o 83% de descenso durante o estado de alarma, segundo os datos recollidos pola DGT

21/07/2020

A evolución da circulación entre o 14 de marzo e o 30 de xuño dá conta da progresiva recuperación da actividade económica na Comunidade

Tráfico recopilou os datos de aforo de 87 puntos de medición nas vías de titularidade estatal, dos que 53 se atopaban nos accesos ás principais cidades

Os descensos foron menores nos accesos ás principais cidades que no resto das vías das catro provincias


A Delegación do Goberno en Galicia informa dos resultado do estudo técnico que realizou a Dirección Xeral de Tráfico (DGT) para coñecer o impacto da COVID-19 e das medidas de contención sanitaria no volume do tráfico nas vías estatais. Segundo os datos achegados no informe, a circulación descendeu ata un 83% de media en Galicia nos momentos de maior restricción de mobilidade, entre o 30 de marzo e o 12 de abril, con picos que chegaron ao 85% nos accesos á cidade da Coruña.

Aínda que a evolución global é bastante parella, os datos apuntan a unha diferencia entre as cifras recollidas nos accesos ás grandes cidades e ás recollidas no conxunto das catro provincias. Así, nas cidades non se chegou a superar o descenso do 80,94%, que se acadou no momento de maior restricción. Pola contra, cando se produciu o fin do estado de alarma seguían acumulando un descenso medio do 11% mentres que a circulación provincial chegaba prácticamente a normalidade en provincias como Ourense (só un -3% menos de circulación). Nas medicións provinciais, polo contrario, acadáronse os descensos máis fortes, que chegaron ao 85% na provincia da Coruña no momento de maior restricción.

Esta diferenciación reflicte o impacto do levantamento de restriccións nas diferentes fases da desescalada, nas que a posibilidade de mobilidade intermunicipal, de primeiras, e interprovincial, posteriormente, favoreceu unha recuperación más rápida neste tipo de vías ao final do estado de alama mentres que a recuperación nas cidades se suavizou.

Neste gráfico observamos como varía a circulación nas cidades coa circulación nas provincias dende o inicio do estado de alarma (14 ao 29 de marzo); inicio actividades esenciais (30 de marzo a 12 de abril); fin de actividades esenciais (13 de abril a 3 de maio); fase 0 ( 4 a 10 de maio); fase 1 (11 a 24 de maio); fase 2 (do 25 de maio ao 7 de xuño); fase 3 (8 a 14 de xuño), e fin do estado de alarma (15 a 30 de xuño).

% VARIACIÓN DO TRÁFICO CON RESPECTO AO DÍA MEDIO DE 2019
  Inicio do estado de alarma Inicio actividades esenciais Fin actividades esenciais Fase 0 Fase 1 Fase 2 Fase 3 Fin do estado de alarma
Cidades -70,13 -80,94 -72,16 -64,33 -37,46 -21,92 -15,10 -11,21
Provincias -72,25 -83,50 -72,25 -62,25 -46,25 -33,75 -18,75 -8,00

 

Puntos de control

No estudio analizáronse os datos recollidos en 87 estacións situadas en vías de titularidade estatal e seleccionadas pola súa relevancia estatística. Dos puntos de mostraxe, 53 están situados nos accesos ás cidades e 34, noutras vías. Por provincias, 35 estaban situados na provincia da Coruña (13 na cidade da Coruña, 4 na cidade de Ferrol, 8 na cidade de Santiago e o resto noutras vías); 16 na provincia de Lugo (9, nos accesos á cidade de Lugo e o resto noutras vías); 12 na provincia de Ourense (5 nos accesos á cidade de Ourense e o resto noutras vías), e 24 na provincia de Pontevedra (8 nos accesos á cidade de Pontevedra, 6 nos accesos á cidade de Vigo e o resto noutras vías).