Maica Larriba alerta do aumento de lesións físicas e agresións sexuais entre a mocidade

17/11/2021

A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe a Xunta Provincial de Seguridade na que os mandos policiais sinalaron o importante aumento do consumo de alcol durante as concentracións nocturnas de menores.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas na provincia durante os últimos meses. Acudiron ao encontro os máximos responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Pontevedra, como son o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón Venzal, o capitán xefe do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Antonio Pérez Piteira, a comisaria provincial do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra, Estíbaliz Palma, e o comisario xefe da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz.

Os responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado informaron á subdelegada do Goberno do aumento de lesións físicas e agresións sexuais nas concentracións de menores derivadas, entre outras causas, pola inxesta abusiva de alcol que se produce no tempo de ocio nocturno.

Maica Larriba explicou que “nestes momentos estase a observar unha alta taxa de consumo de alcol por parte de menores durante o tempo de disfrute do ocio nocturno, así como un aumento dos episodios violentos, detectándose un crecemento das pelexas multitudinarias, os altercados e as lesións físicas, así como das agresións sexuais durante as fins de semana”.

Maica Larriba comprometeuse xunto aos principais mandos policiais da provincia a desenvolver un traballo policial continuo para evitar que sigan a producirse este tipo de delitos, tan sensibles e preocupantes. A subdelegada insistiu na importancia de “seguir traballando a prol da educación en igualdade co obxectivo de garantir a integridade física de todas as mulleres e nenas e erradicar calquera tipo de violencia sexual da nosa sociedade”.

Ademais, Larriba fixo un chamamento “a todos e todas os educadores, pais e nais da provincia, para que colaboren na concienciación sobre os riscos derivados do consumo excesivo de alcol para a saúde dos menores”.

A comparativa interanual evidencia que no último ano as denuncias de lesións físicas rexistradas na provincia aumentaron nun 25 % . Así mesmo, as agresións sexuais incrementáronse, neste mesmo período, nun 23 %.

Os ciberdelitos, un terzo das infraccións penais da provincia

A subdelegada quixo alertar tamén do incremento no número de ciberdelitos. “Desafortunadamente, continúa a observarse unha tendencia alcista neste tipo de delitos, que xa supoñen case un terzo da totalidade de delitos que se cometen na provincia e que fan tambalear as estatísticas globais”.

Larriba informou que, no que vai de ano, os delitos en Internet, e máis concretamente, as estafas con tarxeta de crédito, incrementáronse nun 44 %. A subdelegada do Goberno sinalou tamén como este tipo de delitos xa non se produce de maneira predominante nas cidades, sino que se rexistran en todo o territorio. Neste sentido, a Garda Civil observou que estes delitos incrementáronse nun 51 % durante o último ano en todos aqueles lugares nos que este corpo ten presenza. 

Se realizamos unha comparación máis ampla, os delitos cometidos a través de Internet na provincia rexistraron un incremento do 317 % con respecto a 2017. 

Outros delitos

A análise realizada das cifras de seguridade e infraccións penais da provincia evidencia, así mesmo, que os roubos con violencia e intimidación baixaron no que vai de ano nun 10 %. Non sucede o mesmo, cos roubos en vivendas, que incrementáronse.

No relativo aos roubos con forza en establecementos comerciais rexístrase tamén un descenso do 43 %, así como nas subtraccións en vehículos e de vehículos, que diminuíron nun 20 %.

Así mesmo, os datos relativos á efectividade e esclarecemento dos feitos continúan a ser elevados, segundo informou a subdelegada, “xa que se manteñen en taxas superiores ao 40 %, agás no relativo aos ciberdelitos e estafas a través de Internet, debido a que a súa investigación resulta moito máis complicada e custosa”.