José Miñones destaca a aportación de espazos coworking como A Proa, en Ames, para crear o novo ecosistema do emprendedor que impulsa o Goberno co Plan de Recuperación

10/11/2021

O delegado do Goberno anuncia dúas liñas de financiamento abertas para desenvolver proxectos tecnolóxicos innovadores e fomentar o emprendemento feminino

Felicita aos promotores e promotoras do novo centro de negocios, que se ubica no Polígono Empresarial Novo Milladoiro


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou hoxe en Ames a aportación que fan os espazos colaborativos de titularidade pública para a configurar o novo ecosistema do emprendedor que o Goberno impulsa no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Pronunciouse así no acto de inauguración do novo centro coworking A Proa, que impulsan o Concello de Ames e a Deputación Provincial da Coruña no Polígono do Novo Milladoiro. Na súa intervención felicitou aos promotores e promotoras desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña.

José Miñones explicou que o apoio ao emprendemento é unha política transversal, que se recolle en moitos dos compoñentes e liñas de investimento do Plan de Recuperación. Esta política desenvólvese cunha dobre faceta. En primeiro lugar, impulsando o emprendemento, especialmente aquel relativo a ideas innovadoras e tecnolóxicas e no que terá un protagonismo crecente o papel das mulleres. En segundo lugar, apoiando a capacitación de persoas emprendedoras e empresarias.

O delegado do Goberno apuntou que estes obxectivos xa se están materializando a través de liñas de apoio económico, algunhas delas xa abertas, e reformas normativas. Así, anunciou dúas convocatorias que xa están operativas: a liña de financiamento Emprendedoras dixitais e o Fondo Next Tech.

A liña de financiamento Enisa-Emprendedoras Dixitais  está impulsada polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e conta con 51 millóns de euros nos próximos tres anos para impulsar o emprendemento dixital feminino e reducir a fenda de xénero neste ámbito empresarial. José Miñones apuntou que poden acceder a esta financiación as empresas de nova creación ou aquelas que estean considerando un proxecto de consolidación, crecemento ou internacionalización. Para iso, poden solicitar préstamos colaborativos dende 25.000 euros ata un máximo de 1,5 millóns de euros, en condicións vantaxosas. O requisito é que unha ou varias mulleres ostenten unha posición relevante de liderazgo ou poder dentro da sociedade.

O Fondo Next Tech é unha iniciativa conxunta do Instituto de Crédito Oficial e o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, recollida no Plan Nacional de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Este fondo, que pode mobilizar ata 4.000 millóns de euros de colaboración público-privada, ten como obxectivo de fomentar o desenvolvemento de proxectos dixitais innovadores de alto impacto e o investimento en empresas en crecemento (scale- ups) mediante o reforzo dos instrumentos públicos de financiamento, a atracción de fondos internacionais e a potenciación do sector de capital risco.