Maica Larriba destaca que o 22 % das vítimas de violencia de xénero da provincia son estranxeiras

Maica Larriba destaca que o 22 % das vítimas de violencia de xénero da provincia son estranxeiras

21/10/2021

A subdelegada, que presentou hoxe unha xornada técnica sobre autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero, lembrou o compromiso do Goberno coa protección destas mulleres, en situación de extrema vulnerabilidade.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou esta mañá a xornada técnica sobre autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero que organizou a Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno e que tivo lugar no seu salón de actos. A iniciativa, na que participaron case medio centenar de profesionais da provincia, forma parte do ciclo de xornadas sobre violencia de xénero postas en marcha pola Subdelegación do Goberno dentro das actividades de promoción, colaboración e impulso á formación e especialización profesional que teñen encomendadas as Unidades contra a Violencia sobre a Muller e se integra no programa de actos organizado con motivo do Día Internacional da Eliminación das Violencias contra as Mullleres, o 25N. En Galicia, a Delegación e Subdelegacións do Goberno están a levar a cabo máis dunha trintena de iniciativas para conmemorar este día.

Durante a súa intervención, a subdelegada do Goberno agradeceu o interese e demanda amosado por todos os profesionais da provincia, que superou incluso o número de prazas ofertadas.

Larriba agradeceu tamén a colaboración de Juan Carlos Vázquez, relator da ponencia. Vázquez é  funcionario de carreira  do corpo de xestión da Administración do Estado e desde o ano 2003 desenvolveu diversos labores na oficina de estranxeiría da dependencia provincial da área de Traballo e Migracións da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, que agora dirixe. 

A subdelegada quixo, así mesmo, comezar a súa intervención lembrando que foi “no ano 2011, co Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, cando se promulgou a Lei Orgánica 10/2011 para permitir ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas obter un permiso de residencia temporal e tamén autorización para traballar. Tratábase e, trátase, de protexer a estas mulleres ofrecéndolles unhas condicións que as axuden a denunciar aos seus agresores baixo unha tutela xudicial efectiva sen medo a unha sanción por estar en situación de irregularidade”.

Para dimensionar o problema, Larriba lembrou que das 36 mulleres asasinadas no que vai de ano —xa que hai dous casos aínda sen declarar de maneira oficial como vítimas—, 16 eran estranxeiras. Ademais, destacou que, na provincia as mulleres estranxeiras representan o 22 % dos casos activos no sistema integral de seguimento das vítimas de violencia de xénero. En total, 227 vítimas son estranxeiras. “E para  desmitificar un mantra de certas opcións políticas —engadiu a subdelegada— é importante destacar que só hai 177 agresores estranxeiros, apenas o 16 % do total de agresores na provincia. Polo que estranxeiro non é sinónimo de todos os males da seguridade no noso país. A violencia machista non entende de nacionalidades”.

Larriba fixo fincapé nos diferentes aspectos deste problema, que xera vítimas “pola súa situación de extrema vulnerabilidade económica e laboral, á que tamén habería que sumar a propia cultura e educación nos seus países de orixe”.

Con respecto aos datos sobre as autorizacións de residencia ás estranxeiras vítimas da violencia machista, a subdelegada informou que desde o 2006, ano no que comezaron a contabilizarse as estatísticas do sistema VioGén, ata o pasado mes de agosto, en España concedéronse 17.654 permisos. En Galicia a cifra foi de 569 autorizacións e na provincia de 182.

Por último, Larriba pediu a todas e todos os profesionais presentes un esforzo especial para con as vítimas estranxeiras, lembrando que “o Goberno duplicou as axudas aos concellos da provincia para a súa maior implicación na loita contra a violencia de xénero”. En 2021, repartíronse máis de 730.000 euros aos 61 concellos da provincia dentro do Pacto de Estado, “demostrando así o compromiso deste Goberno contra a violencia machista”, concluíu.

Tres xornadas formativas en outubro e decembro
A de hoxe foi a segunda das tres xornadas formativas organizadas pola Subdelegación e que se celebrarán con motivo do 25N. A derradeira xornada celebrarase o luns 13 de decembro e centrarase na violencia de xénero no ámbito xudicial. Belén Rubido de la Torre, xuíza do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero, e Paula Blasco Muela, fiscal da Fiscalía de Vigo serán as encargadas de impartir as dúas charlas que terán lugar de 9:30 a 11:30 h.