Isabel Rodríguez advirte da especial vulnerabilidade das mulleres estranxeiras e destaca o papel dos concellos na loita contra a violencia machista

Imagen subdelegada jornadas Viogen para concellos

20/10/2021

A subdelegada inaugura unha xornada para persoal municipal sobre a tramitación de autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero

Rodríguez destaca que a precariedade económica e o machismo enraizado en moitas culturas fan das mulleres estranxeiras un colectivo especialmente vulnerable

A subdelegada detalla que 584 mulleres da provincia están rexistradas no sistema de protección Viogen, 177 de nacionalidade estranxeira


A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o importante papel dos concellos da provincia na acción contra a violencia machista e advertiu da especial vulnerabilidade que se dá no colectivo das mulleres estranxeiras. Isabel Rodríguez fixo estas consideracións durante a inauguración dunha xornada sobre Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero coa que comeza a programación organizada pola Subdelegación do Goberno con motivo do 25N. A sesión, que correu a cargo de Julio Simón, xefe de servizo da Oficina de Estranxería da Coruña, celebrouse esta mañá no salón de actos do Vello Cárcere, coa asistencia da concelleira de Igualdade de Lugo, Silvia Alonso, e unha trintena de traballadoras e traballadores dos servizos sociais e dos centros de información á muller de 28 concellos da provincia.  

 

A subdelegada recalcou que “a precariedade económica e o machismo tan enraizados en moitas sociedades e culturas, aínda máis que na nosa, forman un cóctel explosivo que converte algunhas mulleres estranxeiras nun colectivo especialmente vulnerable ao que tamén debemos protexer”.

 

Rodríguez agradeceu a implicación dos traballadores municipais na loita contra a violencia de xénero e subliñou que “sendo o voso papel tan importante en todos os casos á hora de orientar e asesorar ás vítimas, aínda pode resultar máis relevante na situación particular das mulleres estranxeiras, pois en moitos casos engaden ao sufrimento da violencia exercida sobre elas o problema que supoñen as barreiras do idioma, o descoñecemento dos procedementos legais e dos dereitos que as amparan e mesmo, nalgunhas circunstancias, sofren o temor de atoparse no país en situación irregular”.

 

Rodríguez detallou que, con data de onte, estaban rexistradas no sistema Viogen de protección das vítimas de violencia de xénero 584 mulleres da provincia, delas 417 de nacionalidade española e 177 estranxeiras. En canto á protección específica que dá o Estado español ás mulleres de orixe estranxeiro, indicou que son 21 as autorizacións de residencia e traballo concedidas na provincia de Lugo a vítimas estranxeiras no que vai de ano.

 

A subdelegada recordou que  “os concellos, xunto coas forzas de seguridade, estades na primeira liña de loita contra a violencia de xénero e tedes o reto de acompañar ás vítimas en momentos que son cruciais”.  Neste sentido, resaltou que unha das primeiras medidas que tomou o Goberno foi a devolución aos concellos das súas competencias nesta materia, acompañadas de transferencias económicas para que poidan desenvolver programas e medidas contra esta lacra social. Recordou, tamén que, recentemente, o Executivo vén de transferir algo máis de 370.000 euros a concellos da provincia dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

 

PROGRAMACIÓN DO 25N

 

A programación deseñada pola Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno continuará o día 2 de novembro, cando se instalará na Subdelegación do Goberno a exposición Árbore da Violencia de Xénero. Na raíz está o cambio.

 

Emilia Pardo Bazán, da que se cumpre este ano o centenario do seu pasamento, tamén terá protagonismo nas actividades que conmemoran o 25N. Será a través dunha lectura dos seus textos que realizarán un grupo de escolares. Este acto, co lema A violencia de xénero nos textos de Emilia Pardo Bazán, terá lugar o día 19 de novembro na Subdelegación do Goberno.   

 

Uns días despois, o 23 de novembro, a Subdelegación acollerá unha xornada Contra a violencia de xénero: comunicación e xustiza. Esta actividade, destinada a profesionais dos medios de comunicación, conta coa colaboración da Asociación da Prensa de Lugo. Nela intervirán a fiscal e o xuíz de violencia de xénero, Áurea Martínez de la Fuente e Sergio Ordúñez.