Maica Larriba apela á “concienciación social” contra a trata de persoas “para poñer fin a unha forma de escravitude moi presente no século XXI”

A subdelegada do Goberno clausurou a xornada formativa

18/10/2021


 A subdelegada subliñou que “a loita contra as violencias machistas e contra a trata de mulleres e nenas é unha absoluta prioridade para o Goberno de España”, lembrando que se está a traballar nunha lexislación específica para combater e perseguir as organizacións dedicadas a este tráfico.


 

Pontevedra, 18 de outubro de 2021.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, clausurou esta mañá a xornada formativa sobre trata que con motivo do Día Europeo contra a Trata de Seres Humanos se celebrou na Subdelegación do Goberno organizada pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller. Baixo o título de “Un acercamento ás novas formas de escravitude” a iniciativa levouse a cabo no marco do ciclo sobre violencia de xénero que pon en marcha a Subdelegación do Goberno dentro das actividades de promoción, colaboración e impulso na formación e especialización profesional que teñen encomendadas as Unidades contra a Violencia sobre a Muller e que están dirixidas a todos os e as profesionais da provincia que traballen neste eido.

A xornada de hoxe completou o aforo, cuestión que demostra o interese que espertan este tipo de iniciativas e que, ao mesmo tempo, animan á Subdelegación a continuar traballando nesta liña. A subdelegada do Goberno incidiu precisamente neste punto ao inicio do seu discurso e afirmou mostrarse moi satisfeita pola participación acadada, agardando que a xornada fose do proveito de todos e todas as profesionais presentes esta mañá no salón de actos da Subdelegación.

Maica Larriba fixo un chamamento “á sensibilización e ao impulso do rexeitamento social contra a vulneración dos dereitos humanos das persoas a través da trata, fundamentalmente das mulleres”. “É moi importante poñer o foco da sociedade nesta forma de escravitude moi presente en pleno século XXI e para iso son moi importantes xornadas como a de hoxe que abordan esta problemática desde un punto de vista multidisciplinar”, explicou.

Así, agradeceu a participación dos diferentes poñentes e a presenza en especial da Fiscalía provincial e a súa colaboración nas organización do evento. A subdelegada do Goberno subliñou que “a loita contra as violencias machistas e contra a trata de mulleres e nenas é unha absoluta prioridade para o Goberno de España”, lembrando que se está a traballar nunha lexislación específica para combater e perseguir as organizacións dedicadas a este tráfico.

“O Goberno está iniciando a articulación dunha Lei Integral contra a Trata cunha especial incidencia naquela vinculada á explotación sexual”, explicou Maica Larriba. “Ademais”, engadiu, “tamén se está impulsando un estudo marco sobre a trata que permita coñecer de maneira rigorosa a situación das mulleres e nenas vítimas da explotación sexual e desta maneira favorecer a súa integración”. Nesta liña recordou que tamén se logrou que as vítimas poidan ser beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital “de maneira que se lles garantan unhas condicións económicas mínimas para saír das redes de explotación”.

Por último, a subdelegada do Goberno agradeceu o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na súa loita contra as mafias que trafican con persoas.

Tres xornadas formativas en outubro e decembro

A de hoxe foi a primeira das tres xornadas formativas que se celebrarán ao longo das próximas semanas. Contou coa participación de Mónica García García, fiscal adxunta da sección de Estranxeiría da Fiscalía Provincial de Pontevedra; Belén Rubido de la Torre, xuíza do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero; Silvia Pérez Freire, doutora en Socioloxía ye profesora da Universidade de Vigo; Francisco Rentero, inspector xefe da UCRIF de Vigo (Unidade contra Redes de Inmigración Ilegal e Falsedade Documental) da Policía Nacional; Rubén Penín Ríos, sarxento xefe do Grupo de Homicidios e EMUME (Equipo de Muller-Menor) da Garda Civil; e Estefanía Bouzada, xefa da Dependencia de Traballo e Inmigración da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

A segunda xornada, terá lugar o xoves 21 de outubro, e baixo o título “Autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero”. A charla, que comezará ás 12 h da mañá, será impartida por Juan Carlos Vázquez Rodríguez, xefe da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

A derradeira xornada celebrarase o luns 13 de decembro e centrarase na violencia de xénero no ámbito xudicial. Belén Rubido de la Torre, xuíza do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero, e Paula Blasco Muela, fiscal da Fiscalía de Vigo serán as encargadas de impartir as dúas charlas que terán lugar de 9:30 a 11:30 h.