Isabel Rodríguez destaca que o novo Centro da Seguridade Social salda unha débeda histórica con Viveiro e cos veciños da Mariña occidental

Imagen visita nuevo CAISS de Viveiro

18/10/2021

A subdelegada do Goberno, a alcaldesa de Viveiro e o director provincial da Seguridade Social visitan a nova sede da Seguridade Social

Rodríguez expresa a súa satisfacción por “ver cumprido un compromiso que asumín cando cheguei ao cargo”

A execución do proxecto foi desbloqueado polo Executivo de Pedro Sánchez, “un Goberno que cumpre”

O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións investiu na obra 844.000 euros


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez,  efectuou este mediodía unha visita ao novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social que vén de entrar en servizo en Viveiro onde comprobou o funcionamento deste novo equipamento. Na visita estivo acompañada polo director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e pola alcaldesa, María Loureiro.

 

Rodríguez expresou a súa satisfacción pola entrada en servizo da nova oficina da Seguridade Social, da que sinalou que “Viveiro conta, por fin, coas instalacións que merecen os veciños e veciñas dos concellos desta zona da Mariña que fan uso dos servizos da Seguridade Social e polas que tanto tempo tivemos que agardar”.

 

“Teño a satisfacción de ver cumprido un compromiso que asumín cando cheguei ao cargo, penso que era unha débeda histórica contraída con Viveiro e a comarca que este Goberno saldou, porque somos un Goberno que cumpre”, destacou a subdelegada.

 

Para Rodríguez, co novo edificio da Seguridade Social “Viveiro gaña un magnífico equipamento e os cidadáns serán atendidos aquí con máis comodidade”.

 

Ademais, subdelegada agradeceu “a gran implicación do director provincial da Seguridade Social, que foi quen de desatascar este proxecto igual que está a impulsar, no sur da provincia, o proxecto para rehabilitar o CAISS de Monforte de Lemos”.

 

ATENCIÓN A NOVE CONCELLOS

 

A nova sede da Seguridade Social de Viveiro, situada na avenida de Ramón Canosa, número 8 entrou en servizo o venres, día 15, unha vez que foi equipado o novo edificio, no que se dá servizo a unha poboación potencial de máis de 39.000 veciños dos concellos de Viveiro, O Vicedo. Xove, Cervo, Burela, O Valadouro, Ourol, Muras e Mañón.

 

O Goberno investiu 844.325 euros na execución das obras que remataron a principios do verán.

 

O CAISS de Viveiro atendeu no ano 2019 a 12.018 cidadáns, o que supón un 11% das persoas atendidas en toda a provincia de Lugo. No exercicio de 2020 prestou servioz a a 5.448 usuarios.

 

PROXECTO MOI ESPERADO

 

O novo CAISS de Viveiro é un proxecto moi esperado que, despois de moitas promesas incumpridas, desbloqueou o Goberno de Pedro Sánchez.

 

A proposta inicial de cesión ao Estado da leira na que foi edificado o inmoble, que era unha concesión de Costas ao  Concello por 30 anos, acordouse nun pleno de 1997 e a reserva da parcela a favor do Ministerio de Traballo aprobouse no 2003.

 

O EDIFICIO

 

O novo inmoble da Seguridade social levántase sobre unha parcela de 1.490m2 calificada como solar dotacional do Plan Parcial Lodeiro-Lavandeiras, e está situado fronte ao porto de Viveiro.

 

O proxecto foi deseñado polos arquitectos Antonio María Segura Bravo e José Antonio Sancho Crecende e a obra foi executada pola empresa Construcciones Jesús Naray S.L.

 

O edificio, con 368,30 m2 de superficie útil e 404 m2 de superficie construída, é de planta única, totalmente acristalado e diáfano na zona administrativa, cunha pastilla opaca na parte traseira onde se sitúan os locais técnicos e de servizo.

 

Na gran sala acristalada, plantexouse a circulación no eixo central baixo un  lucernario de apoio; a un lado sitúase a zona de recepción e autoxestión e ao outro a área de atención ao público e espera. Os postos de atención fórmanse cun moble de perímetro baixo, aproximadamente 1,50 de altura, dispostos para formar unha segunda circulación privada para os funcionarios. Ao fondo da sala, emprazouse o despacho do director e sala de reunións, compartimentado con tabique de vidro e  persianilla interior, de forma que se domine a oficina, pero se poida contar con un espazo privado para manter unha reunión. Por último na fachada este  sitúanse os locais técnicos: aseos de público, aseos de funcionarios, almacén,  rack, cuarto eléctrico, saída de emerxencia-acceso de funcionarios e sala de clima e ventilación.

 

O edificio sitúase exento na parcela, que ten forma irregular, con 47 metros de fachada á avenida, e posibilidade de acceso tamén polo norte, con fachada á nova rúa de camiño do Matadoiro. A parte traseira é un muro de contención do solar da residencia situada ao leste na parte posterior dispúxose un aparcamento para 11 vehículos, 1 praza reservada para discapacitados e área para motocicletas e bicicletas. A leira péchase perimetralmente cun valado vertical e unha porta mecanizada de acceso á zona axardinada e de aparcamento.