Emilio González subliña o compromiso do Goberno de España cos proxectos estratéxicos da provincia de Ourense nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022

Emilio González subliña o compromiso do Goberno de España cos proxectos estratéxicos da provincia de Ourense nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022

18/10/2021

O subdelegado do Goberno incidiu en que “son uns orzamentos realistas, centrados na recuperación e que permiten avanzar en demandas históricas da provincia”

O investimento no sector ferroviario increméntase un 38,1% e en estradas un 13,2% con respecto aos orzamentos de 2021

O investimento por cada habitante na provincia de Ourense ascende aos 513,97 euros, 239,97 euros máis que a media nacional


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, subliñou o compromiso do Goberno de España coa provincia ourensá recollido nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022, o que permite avanzar en proxectos estratéxicos demandados dende hai anos e que son atendidos polo Executivo central.

O subdelegado do Goberno incidiu en que “este Goberno apostou desde o primeiro momento por un modelo de orzamentos realistas no que figuran unicamente partidas realizables, centrados na recuperación e sen partidas infladas sobre o papel que logo non son executables, como sucedía en orzamentos de gobernos anteriores”.

Por iso, considera que as contas para o próximo ano cunha inversión na provincia de 157,4 millóns de euros, un 27,5% máis que nos orzamentos de 2021, “vannos permitir seguir traballando e avanzando en proxectos verdadeiramente realizables, comprometéndonos con obras históricas para a provincia como son a estación intermodal de Ourense, o último tramo do AVE entre Taboadela e Ourense, a Variante Norte no tramo Eirasvedras-Quintela, a circunvalación de O Barco, ou o Museo Arqueolóxico de Ourense”.

Así, Emilio González destacou que o investimento no sector ferroviario na provincia increméntase nun 38,1% fronte ao ano anterior, ata acadar os 101,7 millóns de euros, e o investimento en estradas increméntase nun 13,2%, ata chegar aos 37,1 millóns de euros.

Neste sentido, subliñou que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 o investimento por cada habitante na provincia de Ourense ascende aos 513,97 euros, 239,97 euros máis que a media nacional, situada nos 274 euros.

“O Goberno cumpre e incrementa os investimentos e o gasto social co obxectivo de que ningún ourensán e ourensá quede atrás” e, por tanto, “estas contas, que son as máis sociais da historia, permitirán dar resposta a demandas históricas da provincia e investir máis recursos nas persoas para reforzar a xustiza social”, indicou o subdelegado do Goberno.