Maica Larriba destaca que os orzamentos de 2022 reservan 236 millóns de euros para inversións directas na provincia, o que supón un incremento de máis do 11 % respecto aos de 2021

Maica Larriba

15/10/2021

A subdelegada do Goberno quixo incidir en que “son uns orzamentos realistas, que consignan partidas executables e que recollen as principais demandas da veciñanza da provincia”.


Pontevedra, 15 de outubro de 2020.- A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, vén de presentar os orzamentos de 2022 para Pontevedra, poñendo o acento no “importante crecemento que reflicten as contas en partidas destinadas para a provincia con respecto ao ano pasado”. “Concretamente”, explicou, “as partidas consignadas polo Goberno para investimentos directos en Pontevedra aumentan en máis dun 11% con respecto ás de 2021 e alcanzan os 236 millóns de euros”.

Maica Larriba subliñou que o anteproxecto de lei presenta “uns orzamentos realistas e adaptados á realidade da provincia, que nos van permitir seguir traballando en proxectos verdadeiramente realizables e avanzar na tramitación administrativa de moitos outros, sen partidas ficticias e infladas sobre o papel que logo non son executables como sucedía en orzamentos de gobernos anteriores”. “Estamos ante unhas contas moi boas para a provincia”, destacou, ao tempo que insistiu en que están “centradas na recuperación e só recollen investimentos realizables”. Así, Larriba subliñou que “lonxe do que sucedía con Gobernos anteriores que se dedicaban a comprometer inversións que nunca se chegaban a executar, este Goberno apostou desde o primeiro momento por un modelo de orzamentos reais no que figuran unicamente partidas realizables e nunca en caso contrario”.

A subdelegada puxo como exemplo de compromisos reais “os 2,3 millóns de euros consignados para iniciar as obras de remodelación do enlace de Pontevedra Norte (nodo de Bombeiros), na AP-9, os 10,4 millóns para a electrificación do tramo ferroviario Vigo-Tui ou os 9,7 millóns para  a prolongación do novo peirao comercial de Marín”.

INFRAESTRUTURAS

Maica Larriba incidiu no compromiso do Goberno en materia de infraestruturas. Neste sentido, a subdelegada informou de que o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana compromete neste anteproxecto de lei unha inversión real na provincia de Pontevedra de 136,63 millóns de euros, o que supón un incremento respecto ás contas do 2021 do 3,1%.

Os orzamentos de 2022 prevén, no sector de estradas, unha inversión real na provincia de Pontevedra de 57,3 millóns de euros, é dicir, un aumento do 5,8% respecto ás contas anteriores. Ademais, o MITMA destina partidas para a subvención de reducións de peaxes en Pontevedra por importe de 30,31 millóns que engloban a supresión de peaxes no tramos de acceso a Vigo.

Pola súa banda, a inversión real no sector ferroviario na provincia de Pontevedra increméntase tamén un 3,8%, alcanzando no presente proxecto de orzamentos os 37,4 millóns de euros.

Así mesmo, o sector aeroportuario conta cunha inversión real para Pontevedra de 4,67 millóns de euros, dos que 4,5 irán destinados a actuacións de mellora da seguridade e das instalacións no aeroporto de Vigo.

Respecto a inversión real no sector marítimo en Pontevedra a cantidade orzamentada ascende a 37,1 millóns de euros.

A subdelegada do Goberno destacou, entre as partidas destinadas a impulsar novas actuacións en Pontevedra, “a de 2,3 millóns de euros para iniciar as obras de remodelación do enlace Pontevedra Norte (Nodo de Bombeiros) na AP-9, así como a inversión de 23,7 millóns de euros para proseguir coas obras da autovía de Circunvalación de Pontevedra (A57) no seu tramo Vilaboa-A Ermida”.

Así mesmo, prevense as partidas necesarias para a redacción de estudos e proxectos de futuras actuacións na Rede de Estradas do Estado en Pontevedra, que permitirán, entre outros, licitar o contrato de redacción do proxecto de execución do tramo da A-57 entre Pilarteiros-Barro e conexión coa AP-9 en Curro (100.000 euros), para continuar coa tramitación ambiental do anteproxecto do Vial de conexión entre A-52 e N-120 en Ponteareas (100.000 euros), así como a partida necesaria para completar a redacción do proxecto da variante da A-52 entre Porriño e Vigo, entre outras.

Para o mantemento e mellora da seguridade viaria da Rede de Estradas do Estado en Pontevedra contémplase unha partida no orzamento por importe de 23,3 millóns de euros, na que se contemplan diversas actuacións de mellora de firmes, interseccións, sinalización, balizamento, drenaxe e estruturas, así como os servizos de conservación e explotación ordinaria de estradas.

A subdelegada do Goberno quixo destacar tamén que, en materia ferroviaria, “o Eixo Atlántico recibirá un total de 17,9 millóns de euros na provincia de Pontevedra”. Adif consigna, entre outros, 3,5 millóns para a estación de Vigo, e unha dotación para a electrificación do tramo Vigo-Tui de 10,6 millóns de euros que en palabras da subdelegada “é unha actuación moi importante porque vai reducir o tempo de traxecto actual con Portugal”

Tamén hai consignación para a renovación do tramo Vigo Guixar-Redondela-Guillarei-Ourense (2,9 millóns de euros en Pontevedra). Pola súa banda, o orzamento de Renfe contempla un investimento total de 9,7 millóns de euros na provincia, para a realización de actuacións en estacións, en material rodante, grandes reparacións, mellora da seguridade na circulación, accesibilidade en trens, sistemas de información e venda e investimentos en talleres e outras instalacións.

Así mesmo, o aeroporto de Vigo, ademais dos 4,5 millóns para melloras da seguridade e das instalacións, terá 130.000 euros de inversión en sistemas de comunicación e navegación aérea.

Do mesmo xeito, o actual anteproxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado reserva 9,1 millóns de euros á Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, 2,1 millóns de euros á Autoridade Portuaria de Vilagarcía e 26,2 millóns de euros á Autoridade Portuaria de Vigo.

As contas destinan, ademais, case 34,2 millóns de euros para a Zona Franca de Vigo e 3,36 millóns para Acuaes destinados a actuacións de depuración e saneamento en Ponteareas, Poio, Sanxenxo e a Illa de Arousa.

A subdelegada quixo lembrar tamén outros proxectos que aparecen comprometidos na actual proposta de orzamentos, “como o novo Centro de Cooperación Policial Aduaneira –CCPA- de Tui (50 mil euros) e a construción do novo cuartel da Garda Civil de Cambados (3,1 millóns de euros). Tamén se contemplan máis de 1,7 millóns para  o itinerario peonil entre Marín e Pontevedra, 100.000 euros para a nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, 50.000 para a nova sede da Biblioteca Pública do Estado de Vigo.

O Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico destina 1,57 millóns para o control da regresión da costa en Pontevedra, para a recuperación de sistemas litorais ou para dotacións para acceso e uso público da costa na provincia. “En definitiva, numerosos proxectos que teñen no seu centro á cidadanía, pero que buscan garantir os medios necesarios para contribuír á modernización económica e o mantemento da actividade na nosa provincia”.

INVERSIÓN SOCIAL

Con todo, a subdelegada do Goberno quixo subliñar que “o máis importante é que estes son uns orzamentos sociais que supoñen a maior inversión social da historia de España, cos obxectivos ineludibles de favorecer unha recuperación xusta, modernizar o noso modelo produtivo e favorecer o estado do benestar”.

Larriba explicou que “se as inversións en obras son importantes para dinamizar a economía da provincia, máis importantes son aínda a política e o gasto social, para garantir que ninguén se quede atrás”. Nesta liña lembrou que o Ingreso Mínimo Vital chega a máis de 10.500 persoas na provincia de Pontevedra, ademais de que máis de 242.000 pontevedreses reciben una prestación por xubilación que ascenderá un 2%. Por último, sinalou que varios colectivos sociais da provincia se verán beneficiados polo proxecto de orzamentos, entre eles os pensionistas aos que se lle van revalorizar as contías, os empregados públicos que verán incrementada a súa nómina nun 2%, os estudantes que recibirán maiores becas e os mozos e mozas que se beneficiarán do bono cultural ou que poderán acceder a un bono para o alugueiro de vivenda.