Emilio González destaca o investimento de 21,2 millóns de euros para a estación intermodal de Ourense nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022

Emilio González destaca o investimento de 21,2 millóns de euros para a estación intermodal de Ourense nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022

15/10/2021

O subdelegado do Goberno subliña tamén a partida de 52,4 millóns de euros para a Variante Exterior de Ourense

A inversión real do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na provincia increméntase nun 30,7%

Os Orzamentos Xerais do Estado reservan unha partida de 3 millóns de euros para continuar as obras do Museo Arqueolóxico de Ourense

Emilio González destaca que as contas do próximo ano supoñen o maior gasto social da historia


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González Afonso, destacou hoxe que a provincia de Ourense conta no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2022 cun investimento real de 139,13 millóns de euros por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana destinados a avanzar nas infraestruturas viarias e ferroviarias, o que supón un incremento do 30,7% con respecto ás contas de 2021.

O subdelegado do Goberno sinalou que se trata duns “orzamentos realistas e executables, nos que destaca o compromiso do Goberno cos proxectos estratéxicos para a provincia como a estación intermodal de Ourense, a Variante Exterior do AVE, a circunvalación de O Barco, a Variante Norte de Ourense ou o Museo Arqueolóxico”.

Emilio González sinalou que o investimento no sector ferroviario na provincia de Ourense ascende a 101,7 millóns de euros, o que implica un incremento do 38,1% fronte ao ano anterior.

Así, destacou que o Executivo destina ás obras da liña de Alta Velocidade a Galicia no tramo Zamora-Lubián-Ourense unha partida total de 86,9 millóns de euros, dos que 10 millóns son para o tramo que discorre pola provincia de Ourense, 21,2 millóns de euros destinados para a estación intermodal de Ourense e 52,4 millóns de euros para a Variante Exterior de Ourense, “o que salienta o compromiso do Executivo coa chegada da alta velocidade a Ourense e cun proxecto clave para a integración final da mesma na provincia”.

Na liña Ourense-Monforte-Lugo Adif consigna un total de 233,9 millóns de euros para este tramo, dos cales 228,9 millóns serán destinados a actuacións de renovación e electrificación.

Así mesmo, investiranse 2 millóns de euros na provincia para a renovación da liña de conexión con León e 0,9 millóns de euros para a renovación das liñas convencionais Lubián-Ourense-Santiago e Vigo-Redondela-Guillarei-Ourense.

Pola súa banda, o orzamento de RENFE contempla un investimento total de 3,3 millóns de euros na provincia para a realización de actuacións de mellora da seguridade na circulación, grandes reparacións, accesibilidade en trens, adquisición de novo material, actuacións sobre material existente, controis de acceso intelixentes, sistemas de información e inversións en talleres e estacións.

37,1 MILLÓNS PARA ESTRADAS

No tocante ao investimento nas estradas do Estado na provincia será de 37,1 millóns de euros, incluíndo as previsións do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O subdelegado do Goberno sinalou que esta cifra supón un incremento do 13,2% con respecto aos orzamentos de 2021, destinando para a creación de infraestruturas viarias 25,4 millóns e outros 11,4 millóns para conservación e explotación das xa existentes.

No capítulo de obras destaca a consignación de 23 millóns de euros para continuar as obras de conexión da N-120 coa N-536 na localidade de O Barco de Valdeorras, iniciadas en 2019 e que, unha vez rematadas, permitirán evitar o tráfico pesado a través do núcleo urbano e mellorar as comunicacións.

Así mesmo, destínanse 2 millóns de euros para a adxudicación e inicio das obras da Variante Norte de Ourense, no tramo Eirasvedras-Quintela.

Para o mantemento e mellora da seguridade vial da Rede de Estradas do Estado en Ourense contémplase unha partida nos orzamentos por importe de 11,4 millóns de euros. Na mesma englóbanse actuacións de mellora de firmes, interseccións, sinalización, balizamento, drenaxe e estruturas, así como os servizos de conservación e explotación ordinaria de estradas.

Emilio González destacou que con esta última partida conseguirase mitigar o déficit de conservación que arrastra unha parte da rede viaria, “o que reflicte o compromiso do Goberno de España coa seguridade e a fiabilidade da rede”.

Igualmente prevense partidas para a redacción de estudos e proxectos de futuras actuacións na Rede de Estradas do Estado en Ourense. Así, no Proxecto de Orzamentos figuran partidas por importe de 200.000 euros para avanzar na redacción dos proxectos dos tramos pendentes da autovía A-56 Lugo-Ourense na provincia e outros 200.000 euros para a autovía A-76 Ponferrada-Ourense nos tramos Requejo-A Veiga de Cascallá e A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras.

MUSEO ARQUEOLÓXICO DE OURENSE

Nos Orzamentos Xerais do Estado tamén hai outra partida importante como son os 3 millóns de euros destinados a continuar as obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico de Ourense, obra iniciada en setembro de 2019 tras máis de 17 anos pechado ao público no seu emprazamento orixinal.

Así mesmo, destínanse 342.570 euros á recuperación dos corredores norte e sur do claustro de hospedería de Melón.

INVESTIMENTO SOCIAL

O subdelegado do Goberno salientou, ademais, que os Orzamentos Xerais do Estado para 2022 son “os orzamentos máis sociais da historia de España e ese compromiso social repercute no día a día e no benestar da cidadanía ourensá”. As contas para o próximo ano “supoñen unha clara aposta do Goberno para non deixar a ninguén atrás e para reforzar a cohesión e a xustiza social”, destacou Emilio González.

Trátase dunhas contas centradas na mocidade, que contemplan o dobre de recursos que en 2021 para este colectivo, destacando a cifra récord na partida de becas, con 2.199 millóns dos que se beneficiarán mais de 49.000 estudantes de Galicia.

Tamén se crea o “Bono alquiler Joven” para o que se prevé un gasto de 12 millóns de euros en Galicia. Así mesmo, foméntase o uso da cultura con bonos por valor de 210 millóns e do que se beneficiarán máis de 24.000 mozos galegos.

O subdelegado do Goberno destacou que o Proxecto de Orzamentos do Estado para 2022 “tamén garante o poder adquisitivo dos nosos maiores e dos empregados públicos, cumprindo co acordado cos axentes sociais”.

Os máis de 106.000 pensionistas ourensáns beneficiaranse da revalorización das contías das pensións contributivas e non contributivas.

Os empregados e empregadas públicos verán incrementada a súa retribución nun 2% e inclúese a maior oferta de emprego público da historia “para blindar os servizos que presta o Estado do Benestar e atender as necesidades doutras persoas”, sinalou Emilio González.

Ademais, o presuposto para atención á dependencia medra un 23,3%, acadando o nivel máis alto da historia. Así, os usuarios atendidos na Comunidade Autónoma poderán superar as 71.000 persoas grazas á transferencia de máis de 190 millóns para o nivel mínimo acordado.

Igualmente, estas contas contemplan a subida dun 3% do Ingreso Mínimo Vital, do que se beneficiarán as máis de 36.000 persoas que o reciben en Galicia. A dotación para o Bono Social Térmico tamén se incrementa co obxectivo de paliar a pobreza enerxética en consumidores vulnerables e do que se beneficiarán máis de 87.000 fogares galegos.

No tocante á loita contra a violencia machista aumenta en 29 millóns máis con respecto aos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, destacando a partida de 76 millóns de euros no Mecanismo de Recuperación, Transformación e  Resiliencia para o Plan “España te protege”. “A nosa comunidade e as entidades locais contarán con 11,2 millóns de euros”, destacou o subdelegado do Goberno.