José Miñones anima a concellos e deputacións de Galicia a aproveitar os 20 millóns de euros para proxectos piloto de Plans de Acción Local

José Miñones anima a concellos e deputacións de Galicia a aproveitar os 20 millóns de euros para proxectos piloto de Plans de Acción Local

07/10/2021

A liña de achegas está enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

O obxectivo é identificar proxectos pilotos transferibles a outros lugares pola súa calidade, singularidade e capacidade exemplarizante

Os proxectos pilotos visibilizarán o potencial que contén a Axenda Urbana Española

O Goberno mantén como meta a cohesión territorial, na que a acción local é clave para a transformación económica e social


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou hoxe aos concellos e as deputacións da Comunidade a aproveitar os 20 millóns de euros de achegas para a elaboración de proxectos piloto de Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española. Explicou que a convocatoria do Ministerio de Transportes está aberta.

José Miñones detallou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aprobou as bases reguladoras da concesión de axudas para a elaboración de proxectos piloto de Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española e a convocatoria para obter as correspondentes subvencións polo procedemento de concorrencia competitiva, cun orzamento que ascende a 20 millóns de euros.

A Orde Ministerial desenvolve o Programa de axudas previsto no investimento número 6 do Compoñente 2 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, denominado "Implementación da Axenda Urbana Española: Plan de rehabilitación e rexeneración urbana”, que é un dos tres programas que lidera o Ministerio de Transportes.

A convocatoria conta cun orzamento de 20 millóns de euros e ten como obxectivo axudar a financiar a elaboración de proxectos piloto de Plans de Acción local da Axenda Urbana Española. Entenderase por proxectos piloto os que, garantindo o seu aliñamento cos obxectivos, a metodoloxía de traballo e o enfoque transversal, estratéxico e integrado propostos pola convocatoria, se distingan pola súa calidade, singularidade e capacidade exemplarizante para outras entidades locais.

Plan de Acción

A convocatoria está dirixida a todos os municipios, con independencia do seu tamaño e poboación, e ás deputacións provinciais, así como ás agrupacións de entidades locais que acorden elaborar un mesmo Plan de Acción previa a constatación dunha serie de intereses territoriais, culturais, sociais, ambientais ou económicos comúns.

O prazo para presentar as solicitudes está aberto e está previsto que se seleccionen aproximadamente uns cen proxectos piloto que servirán de modelo e guía para que outras entidades locais poidan elaborar os seus propios con certezas e eficacia.

Os proxectos piloto que resulten adxudicatarios da subvención deberán estar finalizados antes de setembro de 2022 e van visibilizar o potencial que contén a Axenda Urbana Española para traballar nas áreas urbanas de todos os tamaños, de maneira transversal e integrada, con visión estratéxica e a través dun modelo de gobernanza que garante unha ampla participación.

As cidades teñen un papel fundamental na transformación económica e social do país, na garantía da cohesión territorial, na loita contra o despoboamento e na protección do medio ambiente e a loita contra o cambio climático. A implementación da Axenda Urbana Española resulta clave para lograr a necesaria transición verde, dixital e cohesionada socialmente que reclaman as Axendas internacionais e o propio Plan de Recuperación.