O Goberno saca a licitación a reforma integral do centro da Seguridade Social de Monforte de Lemos

Imagen proxecto Caisss Monforte

06/10/2021

Isabel Rodríguez informa de que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións destina 545.000 euros á remodelación dun centro que dá servizo a 55.000 persoas

É a primeira vez en 31 anos que se fan arranxos nunhas dependencias moi deterioradas e que teñen problemas de humidades

O director provincial da Seguridade Social destaca que con esta obra conclúe a modernización da rede de centros do INSS na provincia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que a Seguridade Social vén de sacar a licitación a obra de remodelación integral do seu centro de atención e información ao público en Monforte de Lemos.

 

Isabel Rodríguez informou que a licitación deste proxecto supón o cumprimento dun compromiso con Monforte feito durante unha visita que realizaron ás instalacións  a subdelegada e o director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, xunto co alcalde, José Tomé.

 

A subdelegada detallou que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións ten previsto investir nesta obra 545.625 millóns de euros para actualizar as instalacións dun centro de atención á cidadanía que estaban moi deterioradas. Lembrou que esta é a primeira vez que se realizan arranxos de importancia nunhas dependencias que presentan serios problemas de humidades e climatización motivados polo mal estado do seu illamento.

 

Pola súa parte, o director provincial da Seguridade Social explicou que se trata dunha intervención necesaria para mellorar o estado dunhas dependencias que non foran obxecto de ningunha obra dese a súa apertura en 1990 e anunciou que as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o día 24 de outubro.

 

Rodríguez Gude tamén destacou que, con esta actuación, o INSS consegue unha rede de centros modernizados en toda a provincia, composta por sete centros comarcais que dan cobertura a todo o territorio provincial, xa que dentro dunhas semanas vaise producir a apertura da nova oficina de atención á cidadanía que construíu a Seguridade Social en Viveiro.

 

O director provincial do INSS tamén destacou que a provincia de Lugo é na que se rexistra menor tempo de espera para a concesión de citas de todo o país, e lembra que dispoñen dun teléfono propio provincial, o 982 293300, que está a disposición dos cidadáns para a xestión de citas e atención personalizada por persoal especializado.

 

REFORMA INTEGRAL

 

Con esta obra preténdese remodelar e acondicionar de forma integral o centro de atención ao público de Monforte, situado na rúa San Pedro, número 4, que nunca fora reformado desde a súa apertura hai 31 anos.

 

O proxecto de obra foi realizado pola UTE lucense LUDICA e supuxo un investimento de 31.000 euros.

 

Esta actuación conseguirá dar ás oficinas unha imaxe clara, accesible e ordenada, mellorando unhas instalacións obsoletas e conseguindo un mellor aproveitamento dos máis de 350 m2 dos que dispón, redistribuíndo zonas de traballo e de espera do público, ademais de aumentar a luminosidade e a eficiencia enerxética do edificio.

 

A Seguridade Social dá servizo nas súas dependencias de Monforte de Lemos a unha poboación potencial de máis de 55.000 persoas das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga. No que vai de ano, leva atendidas 6.434 persoas na modalidade presencial e a case 2.000 máis en modalidade telefónica.