Isabel Rodríguez sinala os delitos telemáticos e a violencia machista como principais retos para a Policía

04/10/2021

A subdelegada eloxia o labor desempeñado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante a crise sanitaria

No acto con motivo do patrón entregáronse 23 distincións a policías e persoas que colaboraron coa Policía Nacional


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, chamou a atención hoxe, no acto institucional do Día da Policía, sobre os novos retos aos que se enfronta a Policía Nacional entre os que resaltou a ciberdelincuencia e a violencia machista.

 

O acto oficial celebrado en Lugo para conmemorar a festividade do patrón da Policía Nacional tivo lugar este mediodía coa participación do comisario principal xefe provincial José María Esteban, e contou coa asistencia da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entre outras autoridades.

 

Isabel Rodríguez lembrou que  a Policía Nacional ten a súa razón de ser no servizo aos cidadáns e na protección da súa liberdade, indicou que a seguridade é imprescindible para vivir en democracia e destacou que os niveis de seguridade dos que aquí gozamos están garantidos pola profesionalidade e dedicación da Policía.

 

“Temos motivos para felicitarnos por iso, pero non hai que baixar a garda porque cos novos tempos tamén aparecen novos retos”, indicou a subdelegada antes de sinalar que “un dos principais retos hoxe no ámbito da seguridade, é o da ciberdelincuencia. As estatísticas reflicten que a delincuencia tecnolóxica vai en aumento. Trátase de un tipo de delito de especial complexidade, que trascende fronteiras e que obriga ás forzas de seguridade a aumentar a súa especialización para abordar estas novas formas de delincuencia e facer fincapé na prevención, concienciando aos cidadáns da necesidade de protexer os seus datos”.

 

A subdelegada incidiu, ademais, na loita contra a violencia sobre a muller. Así, indicou que “a ciberdelincuencia é un fenómeno delictivo en auxe e con el permanecen outros que son unha lacra e unha vergonza para unha sociedade formada por persoas libres, como son os delitos de violencia de xénero e os relacionados coa liberdade sexual. Perseguilos é unha obriga para calquera persoa de ben. Máis aínda para as forzas de seguridade. Moi especialmente para as unidades de Atención á Familia e á Muller e as brigadas de Seguridade Cidadá. Desde aquí quero, unha vez, máis insistir na importancia de dar amparo ás vítimas e traballar para a erradicación desta lacra infame”.

 

SERVIZO PÚBLICO E COMPROMISO NA CRISE SANITARIA

 

Isabel Rodríguez eloxiou, no seu discurso, a profesionalidade e dedicación da Policía Nacional e a súa colaboración co resto de forzas de seguridade para protexer aos lucenses durante a crise sanitaria. Recordou que  “foron momentos moi duros os que vivimos no último ano e medio. Unha experiencia cruel que nos deixou algunhas ensinanzas positivas, como o prezado valor dos servizos públicos que neste tempo demostraron a súa categoría humana e o seu compromiso cos lucenses”.

 

“Eu quero recoñecer publicamente, neste Día, a calidade da nosa Policía. A Policía Nacional, xunto co resto de forzas de seguridade, igual que o sistema sanitario, tiveron un papel exemplar e non fallaron nunca nos largos meses da pandemia.  Penso que é de xustiza recordar e agradecer hoxe o traballo desempeñado por todos os membros do Corpo Nacional de Policía de Lugo, sinalou a subdelegada.

 

Rodríguez asegurou que “desde o Comisario principal e o resto de mandos da Comisaría provincial, e das comisarías de Monforte e Viveiro, ata todos os axentes da provincia durante o último ano e medio, a vosa axuda para protexer ás persoas e facerlle fronte a grave crise sanitaria foi decisiva. Como subdelegada do Goberno son testemuña privilexiada do voso esforzo e compromiso coa sociedade á que nos debemos. Foron horas e horas de traballo, poñendo en risco mesmo as vosas vidas, tedes a miña admiración e agradecemento por estar sempre ao servizo dos cidadáns, mesmo nos momentos nos que a ciencia aínda non era quen de dar resposta á crise sanitaria”.

 

“O compromiso firme e a defensa dos dereitos da cidadanía en momentos críticos como os que pasamos fan da Policía Nacional unha das institucións máis valoradas pola sociedade”, concluíu.

 

ENTREGA DE CONDECORACIÓNS

 

Durante o acto entregáronse 23 distincións, 22 condecoracións e 1 metopa correspondentes a este ano e ao 2020, cando non puido celebrarse o acto oficial do Día da Policía debido as restricións sanitarias.  

 

As persoas galardoadas este ano coa Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco son o inspector Jesús Carlos Lamazares Vázquez; o oficial de policía Adrián Luaces de Reparaz, e os policías Felisindo Rodríguez Colmenero, Óscar Arias Rodríguez, Cristina Castro Casanova, Pablo López Sal, Miguel Vila Montes, Marcos Moirón Enríquez, Javier Ares Dopacio, David Vázquez Blanco e Héctor López Racamonde, así como o tenente da Garda Civil Pablo Cando Granda, e a xefa territorial de Sanidade, María Begoña Seco Varela.

 

Tamén se lle concedeu unha metopa á enfermeira María Jesús Pérez Taboada.

 

En canto ás condecoracións correspondentes ao 2020, as persoas recoñecidas coa Cruz ao Mérito Policíal con distintivo branco son o inspector Manuel Yanes Castro; os subinspectores José Antonio Lamas Pérez e Silvia Riveira Rodríguez; o oficial Jorge Juan Salgado Veiga e os policías Pablo Gasalla Regueiro, Isaac Ares Fernández, José Luis Corral Cabado e Alfonso Darriba Andión, así como o brigada da Garda Civil José Luis Raposo Cabo.