Maica Larriba destaca a desarticulación da banda que asaltou varias vivendas na provincia como exemplo do compromiso da Policía Nacional cos dereitos da cidadanía

Acto do Día da Policía en Vigo

01/10/2021

Tamén mostrou o seu agradecemento a todos os axentes que participaron na evacuación do persoal diplomático e dos seus colaboradores desde Afganistán. “O Goberno mantén unha clara aposta por potenciar os equipos técnicos e humanos destinados a loitar contra a ciberdelincuencia”, afirmou.


A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu na tarde de hoxe os actos institucionais que se celebraron na Comisaría de Vigo con motivo do Día da Policía. No transcurso do evento entregáronse condecoracións honoríficas a varios axentes polo seu labor destacado no cumprimento das súas funcións. Estas medallas demostran en palabras da subdelegada “o compromiso firme na defensa dos dereitos da cidadanía dun corpo cuxo gran traballo ten como exemplo actuacións tan trascendentais como a que permitiu a desarticulación da banda itinerante que durante o verán asaltou varias vivendas na provincia”. “Grazas polo voso traballo”, insistiu, “porque se hai un delito que causa grande sensación de inseguridade entre a poboación, son os roubos nos domicilios particulares”.

 

Así o manifestou xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, tamén presentes no acto. Maica Larriba incidiu en que o bo facer da Policía Nacional na Cidade Olívica “está avalado polos bos datos en materia de seguridade que presenta”. “Vigo converteuse nunha referencia turística e como se demostrou durante o verán a Policía Nacional está garantindo a seguridade de visitantes e veciñanza”, remarcou.

 

Do mesmo xeito, a subdelegada tamén mostrou o seu agradecemento a todos os axentes que participaron na evacuación do persoal diplomático e dos seus colaboradores desde Afganistán. Foron, en concreto, vinte axentes do Corpo Nacional de Policía os que formaron parte do operativo “demostrando un compromiso coa solidariedade que é a mellor mostra dun país que non quixo deixar atrás a ningunha das persoas que colaborou con España ao longo destes anos”.

 

Maica Larriba estendeu o seu recoñecemento á Brigada de Estranxeiría de Vigo, Tui e de Pontevedra “pola súa dilixencia e profesionalidade á hora de tramitar permisos para as familias afganas acollidas na provincia”.

 

Doutra banda, a subdelegada puxo de relevo a “capacidade de adaptación” da Policía Nacional ao longo dos seus case dous séculos de historia, “unha capacidade que vai permitir afrontar os novos retos de futuro coas máximas garantías e lealdade á cidadanía”. “Entre estes retos”, explicou, “inclúense os novos medios para combater a ciberdelincuencia, un tipo de delito que xa supón máis do 16% do total no noso país e crece a ritmos por enriba do 30% anual”. Nesta liña afirmou que “o Goberno mantén unha clara aposta pola potenciación dos equipos técnicos e humanos destinados a loitar contra este tipo de delincuencia”.

 

Finalmente, Maica Larriba subliñou o esforzo realizado polo Goberno para “recuperar os recortes do pasado” en materia de persoal, lembrando que “durante os últimos tres anos foron case 14.000 as prazas ofertadas para Policía Nacional co obxectivo de paliar o déficit acumulado desde 2008”.