Isabel Rodríguez destaca a abnegación, lealdade e sacrificio da Garda Civil e agradece o seu traballo para protexer a saúde dos lucenses durante a pandemia

Imagen condecorados Guardia Civil

12/10/2021

A subdelegada do Goberno preside, xunto co coronel Miguel Ángel González Arias, os actos do Día do Pilar en Lugo, que non puideron celebrarse o ano pasado por mor da crise sanitaria

Rodríguez felicita aos gardas civís destinados na provincia, lembra os máis de 49.000 auxilios que prestaron desde o comezo da crise sanitaria e pídelles que sigan a traballar nas aldeas, vilas e estradas para garantir a seguridade na provincia

No acto castrense entregáronse 17 condecoracións que recoñecen a traxectoria profesional de 11 membros da Benemérita, un deles xa falecido, e a colaboración prestada polo xefe da Policía Local de Lugo, o director do Centro Penitenciario de Bonxe, unha xuiza de Chantada e 3 funcionarios da Policía Nacional

Tamén se entregou un agasallo á directora de enfermería da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte polo seu labor durante a pandemia


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, agradeceu hoxe o magnífico traballo de protección dos lucenses que desempeña a Garda Civil, que festexou o Día do Pilar con un acto castrense celebrado no patio da Comandancia. A subdelegada presidiu, xunto co coronel xefe Miguel Ángel González Arias, a celebración, que se retomou, con menor afluencia de público que en anos anteriores, despois de que a pandemia obrigara a suspender o acto en 2020. Ao acto asistiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial, José Tomé, así como o subdelegado de Defensa, Fernando Brinquis, e  representantes da Xunta de Galicia, do Poder Xudicial e doutras forzas e corpos de seguridade, entre outras autoridades lucenses.

 

Isabel Rodríguez recoñeceu no seu discurso a “abnegación, lealdade e sacrificio” da Garda Civil. “Tedes demostrado con creces que non son palabras ocasl. A cidadanía sábeo e por iso sodes tan queridos en todos os recunchos de Lugo onde ten presenta a Garda Civil”, indicou, ao agradecerlle aos membros deste Corpo o seu traballo durante a pandemia.

 

“Grazas pola vosa profesionalidade, implicación e vocación de servizo. Grazas pola vosa xenerosidade e capacidade de sacrificio. Eu síntome moi orgullosa da actuación da Garda Civil durante todos estes meses que pasou velando pola saúde dos lucenses, en estreita colaboración coa Policía Nacional, a Policía Adscrita e as Policías Locais, como a de Lugo”, sinalou.

 

Explicou que foron “horas e horas a pé de rúa, dando cumprimento a unha normativa necesariamente cambiante, protexendo aos demais e mesmo poñendo en risco a propia saúde”. Por iso, asegurou que “as forzas de seguridade sodes, xunto co persoal sanitario, quen máis fixo por todos nós neste tempo de incertezas e de dor”.

 

A subdelegada resumiu o labor realizado pola Garda Civil na provincia nos “máis de 49.000 auxilios prestados e os máis de 40.000 dispositivos montados desde o comezo da pandemia, todo sen desatender outros servizos cotiáns de protección da comunidade”. Neste sentido, citou, como exemplo do labor realizado no último ano, tres actuacións destacadas. Trátase da Operación PROMISE, na que foi desarticulada unha rede investigada por explotación de traballadores. O rescate en alta montaña, no Courel, de dous sendeiristas en perigo, no medio da neve, a 1.700 metros de altura, que obrigou aos axentes a percorrer a pé 8 quilómetros, entre ida e volta, durante 5 horas. E a detención dun veciño do Saviñao polo cultivo ilegal de 250 plantas de marihuana con un peso aproximado de 204 kg.

 

Isabel Rodríguez advertiu, en todo caso, que “hoxe é un día de celebración, pero non para o narcisismo porque a cidadanía sigue precisando do voso auxilio”. Neste sentido, sinalou a ciberdelincuencia e a protección das vítimas da violencia machista como dous dos principais retos aos que deben facer fronte neste momento as forzas e corpos de seguridade.

 

Ademais, a subdelegada tivo un recordo para todos os gardas civís que hoxe pasan a festa da patroa prestando servizo aos lucenses na provincia, así como para os que nos últimos tempos deixaron o servizo activo.

 

Tamén felicitou a todas as persoas que hoxe recibiron o recoñecemento da Garda Civil pola súa profesionalidade e achega á sociedade lucense.

 

ENTREGA DE CONDECORACIÓNS

 

No acto castrense celebrado don motivo do Día do Pilar tamén foron entregadas as distincións que concedeu a Garda Civil este ano e en 2020, cando non puido celebrarse a festividade da patroa debido á pandemia, a persoas da nosa provincia. Así, foron recoñecidos coa Cruz do Mérito da Garda Civil con distintivo branco as seguintes persoas:

-     Estefanía Elena Peña Quintas, xuíza de Chantada

-     Jesús Piñeiro Santos, xefe da Policía Local de Lugo

-     José Manuel Pernás Arias, director do Centro Penitenciario de Bonxe

-     Sonia Aparicio Vidales, inspectora da Policía Nacional

-     Mª José Moreno López, tenente da Garda Civil

-     Jesús Varela Roibás, sarxento da Garda Civil

-     Ángel Manuel Parajuá Silva, subinspector da Policía Nacional

-     Eduardo Castaño Hernández, cabo 1º da Garda Civil

-     Pablo Gallego Rodríguez, garda civil

-     Germán Ángel Vale Varela, garda civil

-     José Manuel Cabado Monte, garda civil

-     José Ángel García Rey, garda civil

-     Samuel Fernández Fernández, garda civil

-     Carlos Sotelo Rodríguez, garda civil

-     José Antonio Fernández Campos, oficial da Policía Nacional

-     Luis Pérez Vázquez, garda civil

 

Ademais, foille concedida a título póstumo ao garda civil Jacobo Ríos Rebolo e recolleuna o seu irmán Rubén.

 

Tamén se entregou un recoñecemento, consistente nunha figura histórica dun garda civil a cabalo, a María Jesús Pérez Taboada, directora de enfermería da EOXI Lugo, Cervo e Monforte, polo seu traballo durante a pandemia.