Emilio González salienta o deporte inclusivo como elemento fundamental para a integración social das persoas con discapacidade

Acto inaugural das IX Marchas Ciclistas Unificadas, Special Olympics Galicia

30/09/2021

O subdelegado do Goberno en Ourense destaca o impulso ao programa “Deporte Inclusivo” por parte do Goberno de España, a través do Consello Superior de Deportes

Emilio González resalta a importancia de que as institucións e a cidadanía traballen conxuntamente para avanzar na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, asistiu hoxe á inauguración das IX Marchas Ciclistas Unificadas de Special  Olympics Galicia no concello de Baños de Molgas, evento que une deporte e inclusión social.

Durante o acto, o subdelegado do Goberno destacou o papel do deporte inclusivo como elemento fundamental para a integración social das persoas con discapacidade. Neste sentido, resaltou o impulso ao programa “Deporte Inclusivo” por parte do Goberno de España, a través do Consello Superior de Deportes, que persegue a promoción da actividade física e deportiva en contornas inclusivas; a formación especializada de profesores e técnicos deportivos no deporte inclusivo; e garantir o acceso e o uso das instalacións e do material específico como elemento fundamental da igualdade de oportunidades.

Emilio González resaltou a importancia de que as institucións e a cidadanía traballen conxuntamente para avanzar na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias. Ademais, indicou que “eventos como esta marcha son unha oportunidade excepcional para concienciar á poboación da importancia da inclusión de todas as persoas na sociedade”.

Os participantes nestas IX Marchas Ciclistas Unificadas percorrerán ata o domingo os concellos de Baños de Molgas (Ourense), Guitiriz (Lugo), Santiago de Compostela (A Coruña) e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).