José Miñones exemplifica en Teo a aposta do Goberno pola transición enerxética e a mobilidade sostible con investimentos que superan os 3,3 millóns de euros

José Miñones exemplifica en Teo a aposta do Goberno pola transición enerxética e a mobilidade sostible con investimentos que superan os 3,3 millóns de euros

27/09/2021

Os fondos proceden do Ministerio para a Transición Ecolóxica e chegan a sete proxectos de eficiencia enerxética e mellora da mobilidade

A extensión da conexión a Internet por banda ancha, que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos, beneficia a 63 entidades de Teo

José Miñones traslada ao alcalde, Rafael Sisto, as oportunidades que achega o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para os concellos


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, exemplificou hoxe en Teo a aposta do Executivo pola transición enerxética e a mobilidade sostible, con investimentos que superan os 3,3 millóns de euros neste concello. Expresouse así durante unha visita que efectuou xunto coa subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, ao Concello teense onde ambos se reuniron co alcalde, Rafael Sisto.

José Miñones explicou que, dentro da aposta pola sostenibilidade, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu 3.327.382,75 euros para sete proxectos en Teo a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A subvención estatal alcanza o 80% do investimento total dos proxectos e o Concello asume o 20% restante.

O delegado detallou que dos proxectos, dous están centrados na mellora enerxética e fomento do autoconsumo eléctrico en edificios públicos municipais e os cinco restantes están centrados na mellora da mobilidade, no ámbito do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello.

O proxecto de maior contía é a construcción de 13 quilómetros de senda peonil e ciclista nas parroquias do centro-sur (3 fases cunha achega do Goberno superior a 1,8 millóns de euros). Síguelle o proxecto de camiños escolares seguros e a mellora da calidade ambiental e eficiencia enerxética da mobilidade rodada en Teo. Este último proxecto inclúe accións como mellora de marquesiñas e da información de horarios, rede de aparcadoiros para bicicletas, sinalización e mapa de itinerarios ciclistas e estacionamentos disuasorios, entre outras iniciativas.

José Miñones explicou que Teo tamén conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste caso, a través do Plan de Extensión de Banda Ancha 63 entidades de poboación do Concello se beneficiarán da instalación da banda ancha e mellorarán a súa conectividade a Internet. “Como saben, o obxectivo do Goberno é alcanzar o 100% de cobertura de banda ancha de alta velocidade en Galicia antes de 2025. E isto é clave para a pervivencia do rural e garantir a igualdade de oportunidades da súa poboación”, apuntou o delegado.

Plan de Recuperación

A visita serviu para trasladar ao Goberno local de Teo as novidades e oportunidades que brinda o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para mellorar a calidade de vida das vilas e das zonas rurais.

José Miñones lembrou que “no Goberno traballamos convencidos do papel das administracións locais na construcción desta España dixital, verde, inclusiva e igualitaria”, e engadiu que “estamos a facer un esforzo para que os Concellos formen parte deste proxecto de país, para que poidan repercutir na cidadanía os beneficios que trae o Plan de Recuperación”.

Loita contra a violencia de xénero

O delegado do Goberno destacou a colaboración do Concello de Teo co Executivo na loita contra a violencia de xénero. En 2020 suscribiu o protocolo que permite á policía local de Teo colaborar no seguimento e protección de vítimas desta violencia. Ademais, o Ministerio de Igualdade acordou este mes transferir 15.454 euros ao goberno local teense para a execución de programas e medidas contra a violencia machista neste municipio.

Declaracións do delegado do Goberno (MP3 · 0,96 MB)