José Miñones subliña que a pasarela de Pedralonga representa unha ponte cara á Coruña do futuro na que o Goberno investirá 460 millóns de euros

José Miñones subliña que a pasarela de Pedralonga representa unha ponte cara á Coruña do futuro na que o Goberno investirá 460 millóns de euros

22/09/2021

A cesión dos terreos da Fábrica de Armas para a Cidade das TIC, a rexeneración da Ría do Burgo e a estación intermodal forman parte do compromiso do presidente Pedro Sánchez cos coruñeses e coruñesas

O delegado apunta que esta actuación marca o inicio da humanización da avenida de Alfonso Molina, que fará máis accesible a principal vía de entrada á cidade da Coruña

Trátase da primeira actuación en estradas financiada en Galicia con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e ascende a 1,22 millóns de euros


O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, afirmou hoxe que a pasarela de Pedralonga representa unha ponte cara á Coruña do futuro, na que o Goberno investirá 460 millóns de euros. José Miñones repasou os principais fitos do compromiso do Goberno coa cidade herculina no inicio das obras da pasarela de Pedralonga, que executa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Ante a alcaldesa da cidade, Inés Rey, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o delegado destacou que esta actuación ten unha dobre relevancia. Por unha banda é a primeira obra en estradas de Galicia que se financia con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e, por outro, porque marca o inicio do proxecto de humanización da Avenida de Alfonso Molina (AC-11) que é a principal vía de acceso á cidade da Coruña e que conta cun orzamento de 24 millóns de euros.

José Miñones lembrou que neste proxecto “contouse directamente coa colaboración da veciñanza e das asociación que a representa” e engadiu o compromiso de seguir “escoitando para mellorar a obra sobre a obra”, destacou.

 “O futuro da Coruña comeza en Palavea”

O delegado do Goberno apuntou que a pasarela responde a unha demanda dende hai dez anos e que se materializa agora precisamente xunto ao primeiro gran compromiso cumprido do Goberno de Pedro Sánchez coa Coruña: a recuperación dos terreos da Fábrica de Armas e o seu ofrecemento á cidade para aproveitamento científico, social e económico. Lembrou que se trata de “127.000 metros cadrados que o Goberno de España entregou á Coruña para a Cidade das TIC e o seu impulso tecnolóxico e dixital e que ten un valor de mercado de 50 millóns de euros”, engadiu.

“O futuro da Coruña comeza en Palavea”, reiterou José Miñones, co inicio da humanización de Alfonso Molina e a Cidade das TICS, e “continúa coa ampliación da Ponte Pasaxe; a Cuarta Rolda e o Vial 18, a estación intermodal, a rexeneración da ría do Burgo, e o acceso ferroviario do Porto Exterior, así ata sumar un investimento global de 460 millóns de euros na Coruña”, proseguiu.

Pasarela de Pedralonga

A pasarela ten por obxecto establecer un itinerario peonil seguro entre os barrios de Pedralonga e Palavea, á altura da conexión viaria entre a AC-11 e a estrada N-550 e xunto a un centro comercial. O orzamento total desta obra ascende a 1,22 millóns de euros.

A pasarela estará situada ao oeste da N-550 e cruzará sobre a AC-11 á altura do quilómetro 3+550, en dirección norte-sur. Terá unha lonxitude de 161 metros e un ancho útil de 3 metros con varandas laterais. A pendente máxima lonxitudinal será do 6%, cumprindo así a normativa vixente en materia de accesibilidade.

O tramo sobre a estrada contará con piares e ramplas laterais de formigón e un van central de 40 m de lonxitude, conformado mediante celosía metálica. A infraestrutura prescindirá de calquera apoio na mediana da AC-11 para maior seguridade viaria. 

O percorrido peonil completarase cunha segunda rampla sur que resolve o actual desnivel existente entre o vial de Palavea e o aparcamento do centro comercial. Contémplase tamén a urbanización de viais e beirarrúas e a reposición de servizos afectados.