O subdelegado do Goberno en Ourense mantén un encontro institucional coa alcaldesa de A Pobra de Trives

15/09/2021

Emilio González e Patricia Domínguez analizaron os proxectos de aforro enerxético do concello subvencionados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e o desenvolvemento do Programa de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA)

Tamén valoraron os datos de seguridade cidadá e de violencia de xénero no municipio


O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, mantivo esta mañá un encontro institucional coa alcaldesa de A Pobra de Trives, Patricia Domínguez, no que analizaron diversos temas de interese para o municipio.

Na reunión, o subdelegado do Goberno sinalou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, grazas ás diferentes axudas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), respalda economicamente cinco actuacións do concello para mellorar a eficiencia enerxética.

Os proxectos, cuxo importe de subvención ascende a 553.958,31 euros, permitirán a renovación das instalacións de alumeado, iluminación e sinalización exterior no termo municipal, coa conseguinte redución do consumo enerxético.

No encontro, tamén examinaron o desenvolvemento do Programa de Extensión da Banda Ancha de Nova Xeración (PEBA-NGA), coa implicación do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Este programa está impulsado na convocatoria de 2020 con 1,8 millóns de euros para proxectos realizados polos operadores na provincia de Ourense co obxectivo de estender o despregue das redes de banda ancha de moi alta velocidade nas zonas rurais.

Emilio González informou de que a convocatoria de 2020 contempla a instalación da banda ancha de nova xeración en seis entidades singulares de poboación no concello de A Pobra de Trives.

Neste sentido, o subdelegado do Goberno sinalou que na provincia de Ourense, unha vez rematen os traballos adxudicados e en execución deste programa, a cobertura a 100 Mbps alcanzará ao 78% da poboación.

SEGURIDADE CIDADÁ E VIOLENCIA DE XÉNERO

Durante o encontro, o subdelegado do Goberno e a alcaldesa avaliaron os datos de seguridade cidadá no municipio. Emilio González subliñou que A Pobra de Trives destaca por ser un concello cuns índices de criminalidade baixos con respecto a municipios do mesmo tamaño.

No tocante aos datos de violencia de xénero, actualmente no concello hai dous casos activos no Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén). Un deles presenta risco medio e outro risco baixo. Ambos os casos contan con medidas xudiciais de prohibición de aproximación.

Por último, analizaron os fondos que percibirá o concello para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Os 1.362 € que o Executivo central destina a A Pobra de Trives contribuirán a axudar mellor aos servizos municipais, que conforman a primeira liña de asistencia ás vítimas de violencia machista, e permitirán financiar programas que se desenvolvan ata xuño de 2022.