Subdelegación do Goberno e Concello da Coruña impulsan a súa colaboración en materia policial

Subdelegación do Goberno e Concello da Coruña impulsan a súa colaboración en materia policial

14/09/2021

A subdelegada do Goberno e a alcaldesa presidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade


O Pazo Municipal de María Pita acolleu hoxe a Xunta de Seguridade Local que presidiron conxuntamente a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a subdelegada do Goberno, María Rivas. A xuntanza analizou os datos expostos polos corpos de seguridade do Estado e os axentes municipais sobre a situación de seguridade na cidade.


No encontro acordouse reforzar a boa colaboración xa existente e a coordinación policial en todos os ámbitos da seguridade: a loita contra a violencia de xénero, a ciberdelincuencia, o cumprimento da normativa contra a Covid-19 e a seguridade cidadá en xeral.


Concello da Coruña e Subdelegación do Goberno destacan que os datos de conflitividade mantéñense con respecto ao ano 2019 aínda que, apuntan, que “non se debe baixar a garda ante o mínimo risco de que se produzan situacións de inseguridade”.


Por outra banda, a XLS alertou sobre o aumento dos delitos cibernéticos con respecto ao ano pasado e que afectan, sobre todo, ás persoas de maior idade. Trátase de estafas online ou fraudes informáticos que tentan enganar a persoas con pouca formación en novas tecnoloxías. As estafas informáticas creceron un 17% e son xa case o 20% do total de infraccións denunciadas no que vai de ano. Estes datos concordan co observado en todo o territorio nacional.


Ao encontro que presidiron a alcaldesa e a subdelegada do  Goberno, tamén  acudiron o concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego; o  concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada; o director de área de  seguridade do Concello, Carlos García Touriñán; o xefe da Policía Local, José Antonio Brandariz; e o comisario xefe da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, Miguel Ferrero.